Crónica | A arquitectura da Autoridade Portuaria a disposición da arte Chaves vai ser o primeiro creador en inaugurar un espazo artísticamente virxe: o novo peirao de Ferrazo. Unha escultura, unha baliza, un volume, unha cor sobre a ría
14 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.?e houbese rosas no mar, esas rosas serían azuis. Non é mal principio para concibir unha peza coa que o espazo portuario de Vilagarcía fica permeable á creación artística. Onte, na Autoridade Portuaria, Xaquín Chaves bosquexou a Rosa do Mar, unha escultura de doce metros que marcará a entrada á dársena dende o espigón do novo peirao de Ferrazo. Non hai intención figurativa algunha na concepción desta flor mariña. Outra cousa é o que a obra poda suxerir aos sentidos de quen a observe, do mesmo xeito que unha nube pode semellar un rostro, unha montaña ou unha illa inexistente. Mais este problema, un vello debate vencellado á mesma esencia da arte, non afecta á fonte que o orixina. Trátase, afirma o propio autor, dunha escultura construtivista con dous puntos de partida na súa base. Dende esta superficie xeneratriz, a obra medra cara ao alto describindo dúas melodías, un punto e un contrapunto, unha asimetría guiada pola forma, que se vai desenvolvendo nunha contorsión sólida. O formigón, material primixenio, convive nela co aceiro para artellar un conxunto de oito pezas. Chaves, el mesmo o di, é un home de volume. Mais tamén de cor. Esta peza completa un ciclo de volumes cromáticos que o creador vilagarcián emprende hai catro ou cinco anos. De xeito intermitente xorden dez ou doce pezas, sen que o proxecto, o concepto a expresar, atopase aínda a súa culminación. O artista recoñece manter unha certa débeda visual con esta cor, o azul. E nestas andaba matinando cando a Autoridade Portuaria puxo enriba da mesa a oportunidade de iniciar, da súa man, a colonización dun espazo artisticamente virxe. Novamente, dúas músicas que converxen. I é este movemento o que explica a particular linguaxe da rosa mariña. Xa que logo, a Rosa do Mar é volume i é cor. Pero é tamén unha peza funcional dentro dunha engrenaxe que, unha vez máis, traballa en dous sentidos. O primeiro, se cadra prosaico pero materialmente fundamental, vén dado polo feito de que a escultura é a baliza que sinalará aos buques o acceso ao porto, a porta de entrada e a saída a Vilagarcía polos camiños do mar. Dialéctica encadeada Este factor marca aínda unha enésima subdivisión na escultura, xa que hai unha rosa de día e unha rosa de noite, cando a luz se prenda para guiar aos navegantes ata o abrente. A peza ficará alumeada na súa metade inferior. O volumes conxugados nesta asimetría motriz deben, entón, encetar o seu xogo de matices para vestir a luz, sexa natural, diúrna, sexa artificial, noitébrega, dunha liquidez mesta e lene a un tempo. Hai, queda dito, un segundo sentido funcional que vén dado pola posición da escultura na particular sintaxe espacial de Arousa. Son poucos os elementos que rachan a homoxeneidade horizontal do océano humanizado que é a ría. Cortegada, as Malveiras, os seus dous piñeiros, o seu cruceiro, o Con... e a nova flor. Dende o seu nacemento, a Rosa do Mar pasará a engrosar a nómina de fitos dunha paisaxe única. Isto é algo do que Chaves é plenamente consciente. Hai anos, no tempo eterno da infancia, o horizonte da súa ollada era o mesmo no que agora se instalará a súa obra. É, polo tanto, un espazo sagrado na súa mitoloxía interior. Falaba Chaves da súa débeda azul. E, aínda que o cromatismo non é definitivo, si está ben encamiñado. Non só por aquel ciclo que pide conclusión, senón tamén pola necesidade vital da obra. Nun entorno titánico, nun peirao xigántico, nun espigón de bloques rotundos, unha criatura de formigón de doce metros mergullaríase ata desaparecer da vista dende os lugares nos que ten que ser ollada. Dende o interior da ría, dende a outra banda do mar, dende o peirao de Pasaxeiros, dende o paseo marítimo. Ao cabo, se houbese rosas no mar, esas rosas serían azuis.