O accidente

ALEJANDRO QUINTELA

AROUSA

TRIBUNA PÚBLICA | O |

11 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

DIANTE das declaracións efectuadas polo voceiro do Partido Popular en relación cun accidente ocorrido na madrugada do sábado en Trabanca Badiña, nas que se acusa a este concelleiro de intentar ocultar datos de interese político, véxome na obriga de contestar o seguinte: Primeiro, que este concelleiro non saiu a explicar aos medios de comunicación as circunstancias do devandito accidente, senón que foron os medios os que se puxeron en contacto con el. Na primeira ocasión, a miña resposta foi que non tiña información sobre o tema e que carecía de datos suficientes. Na segunda, e segundo a información recibida sobre o asunto, que o conductor dun dos vehículos, despois do accidente, achegouse ao outro sinistrado, preocupouse polo estado dos ocupantes e posteriormente, marchou. Esta é a información que se lle deu a este concelleiro e polo tanto a información que el puido subministrar aos medios de comunicación que o consultaron. En segundo lugar, en ningún momento tivo coñecemento este concelleiro o día que foi consultado da identidade dos ocupantes dos vehículos sinistrados, por canto ao tratarse dun sábado, non se trasladou ás dependencias da policía local e recibiu a información telefónicamente, sen máis datos dos que quedan reflectidos. Terceiro, resulta absurdo pensar que se poden ocupar ou modificar datos desa natureza, cando as actuacións policiais levan consigo a necesidade dunha comparecencia na propia comisaría da policía nacional, o que garante a obxectividade e a claridade a transparencia da información que se reflicte nas dilixencias que se inician con tal motivo. Por último, lamentar que o PP e o seu voceiro utilicen calquera escusa para descalificar, inxuriar e calumniar ao goberno local, en vez dedicarse con seriedade e rigor a exercer unha oposición constructiva, que é o traballo para o que foron elexidos polos cidadáns.