O Pombal O xefe de prensa do BNG, Xosé Mexuto, e o deputado nacionalista, Francisco Rodríguez, presentaron en Cambados o libro «A nación galega existe»
10 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O centro comarcal de Cambados quedouse pequeno para acoller ás decenas de persoas que o pasado xoves non quixeron perderse a presentación do libro A nación galega existe , do xefe de prensa do BNG, Xosé Mexuto . A publicación narra a historia do nacionalismo galego a través dunha serie de conversas do autor co deputado nacionalista Francisco Rodríguez , que tamén estivo presente no acto. De facer as presentacións encargouse a ex concelleira do BNG en Cambados, Adela Leiro , quen sinalou que o libro recolle un debate «que está actualmente nas rúas». Mexuto explicou que unha das intencións do libro e enfrontar «toda esa propaganda e mitoloxía que ten un substrato racista contra os galegos» e presentou, coma exemplo do mesmo, á imaxe que se dá dos líderes do nacionalismo galego «coma unhas persoas con certo desequilibro». Referiuse tamén ás recentes eleccións catalás e argumentou que se quere presentar a opción de Citatáns «coma unha reacción cívica de rebelión ante un sistema de opresión porque o español está en situación de liquidación en Cataluña». Falou tamén da transición e de como o nacionalismo galego tivo que concorrer dende a ilegalidade ao mesmo. O autor do libro tivo tamén palabras para Rodríguez, a quen definiu coma un home congruente, entre o que di e o que fai, e antielitista. «Dous trazos que tamén definen ao nacionalismo popular galego», asegurou. Pola súa banda, Rodríguez lembrou como tivo que facer fronte ao primeiro proceso electoral e á nova constitución que, por aquel entonces non consideraba axeitada. «Pasaron trinta anos e agora son máis os que din que hai que reformala», afirmou. Tamén explicou como se opuxeron á entrada no mercado económico e, coma agora, «a experiencia galega non pode sacar conclusións de que melloramos en termos de produtividade real». Poucos foron os dirixentes do BNG da comarca que se perderon a presentación do libro. Polo centro comarcal pasaron Xosé Ramón Durán e Xoán Antonio Pillado , do BNG cambadés, Ramón Mouriño , portavoz en Ribadumia e Xosé Castro Ratón , de Vilagarcía. Tamén a nova delegada de Innovación e Industria, a cambadesa Montse Prado , e o responsable comarcal do partido, Duarte Correa , así coma numerosos veciños e simpatizantes.