Xornada de xantares populares

La Voz

AROUSA

O pombal Os alumnos da escola taller de hostelería despedíronse onte dos alcaldes agasallándoos cunha degustación mentres o líder do PP, Mariano Rajoy, facíao en Ribadumia

09 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Os rapaces da escola taller de hostalería non dan abasto. Un día invitan a comer ao delegado de Traballo, outro convidan á prensa e, onte, foi a quenda aos alcaldes e hostaleiros da comarca. Tratábase dun xantar de despedida, pois o centro pechará as súas portas o próximo 29 de decembro, e tamén buscaba dar as grazas aos rexedores por poñer en marcha esta pioneira iniciativa formativa. Por outra banda, mestres e alumnos querían facer unha posta en común de todos os obxectivos acadados con este proxecto que, sen dúbida, voltará a repetirse o ano próximo. Coma nun restaurante de verdade Nin o presidente da mancomunidade, Jorge Domínguez, nin os alcaldes de Vilanova, Gonzalo Durán, e O Grove, Miguel Ángel Pérez, quixeron perderse esta oportunidade de probar os pratos que con tanto esmero elaboraron os alumnos. Porque, nesta ocasión, o menú non estaba preparado de antemán. Os convidados tiveron a oportunidade de pedir á carta, coma en calquera outro restaurante da comarca. Vamos, que os estudantes son xa todos uns profesionais. Tampouco os representantes do sector hostaleiro quixeron perderse esta cita. Os empresarios puideron comprobar a eficiencia coa que traballan estes alumnos e os seus avances tras recibir a formación. Non hai que esquecerse que o próximo 29 de decembro, estes rapaces incorporaranse ao mercado laboral na busca do seu primeiro traballo. E de seguro que serán moitos os profesionais que non dubiden en contratalos. Dende aquí lles desexamos moita sorte, aínda que non lles faga falla. Menear o bigote Mais non vaian pensar que os alcaldes foron os únicos voceiros populares que onte tiñan cita gastronómica no Salnés. Non lonxe da Lanzada -sempre que a antiga vía rápida non padeza eses penosos colapsos- o mesmísimo presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, meneaba o bigote no Tío Benito. O líder conservador coñece ben unha terra na que veraneaba cando cativo e na que aínda atopa acougo un par de veces no ano, senón no estío aló por Quinteiro da Cruz, si na clásica cea de Noitevella na Toxa. Hoxe, Telmo Martín presenta en sociedade a súa candidatura á alcaldía de Pontevedra. ¿Terá que ver o xantar de Rajoy co tema? Aposten, que de seguro gañan.