Os defuntiños que máis se divirten

La Voz

AROUSA

O día de Defuntos non é festivo na Illa. Pero tanto ten: os nenos da localidade non foron onte ao colexio para recorrer as rúas pedindo esmola para os defuntiños

02 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Aínda que non sexa festivo, no colexio da Illa non traballan o día de Defuntos. Non é por preguiza, non, os nenos da localidade teñen un bo motivo para non ir ás clases. Porque cumprir coa tradición ben merece un esforzo, ao fin e ao cabo, non deixa de ser un xeito máis de aprender. Porque é ben certo que mentres noutros lados andan con Halloweens e Samaíns -que todo está ben-, na Illa non precisan recorrer a tradicións alleas nin esquecidas. Encarga cumprida Porque neste municipio non perderon o seu ancestral costume do día de Defuntos. Así que, cada 2 de novembro, os nenos da localidade saen en grupos para pedir unha esmola polos defuntiños que van alá. Unha encarga que cumpren con gusto. Pola mañá saen da casa e percorren toda a vila. De porta en porta, os rapaces van pedindo limosna. Despois de cantar a súa letanía e armados cun saco, os nenos van xuntando todas as achegas dos seus veciños: caramelos, bolos de pan, e incluso algún que outro céntimo van caendo nas bolsas. Cansos pero divertidos Aínda que a tarefa pode parecer un pouco penosa, os rapaces da Illa non deixan de pasar un anaco divertido cos seus amigos. Iso si, cumprir cos defuntos é ben sacrificado: tanto camiño e tantas portas nas que petar seguro que os deixa moito máis cansos ca unha mañá de escola. Coidado con esas barriguiñas Iso si, aos nenos da Illa non hai quen lles negue nada. Cando eles chegan, xa todo o mundo ten preparado o presente que lles vai entregar. Agora ben, máis lles vale aos pequenos ter tino co que fan, que con tanta larpeirada non vaia ser que teñan que rematar no médico con un bo empacho. Porque, aínda por riba, estamos en época de magostos. E calquera lle dá as costas a unhas boas castañas. Así que hai que medirse e ter coidado, que hai que ver cómo é esta terra nosa: cando se acaba o magosto chega a mata do porco, e despois o Nadal, e cando aínda non acaba de rematar, xa nos vén o entroido. Pero, en fin, rapaces, vós aproveitádevos que non tedes problemas de liña.