En dous minutos | Nova edición de contos solidarios en Vilagarcía Xuventude e Solidariedade Internacional animan a todos os nenos arousáns de seis a doce anos a escribir encol dun mundo máis xusto
26 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.É a cuarta ocasión na que a Concellería de Xuventude de Vilagarcía convoca aos nenos para que tomen papel e lapis e enceten a súa imaxinación nun conto centrado na solidariedade. O habitual é que na iniciativa colabore unha ONG, e desta volta a quenda sinala a Solidariedade Internacional, unha organización con presenza propia en Galicia dende hai dez anos. Esta cuarta edición, que onte foi presentada en Ravella pola concelleira, María Araújo, e María Paz, como representante da ONG, presenta unha serie de cambios con respecto a anteriores citas. Así, por primeira vez os contos solidarios diríxense a todos os nenos e todos os centros escolares da bisbarra do Salnés. A única condición requirida para tomar parte no certame, tanto na categoría de traballo individual como na de colectivo, é contar cunha idade comprendida entre os seis e os doce anos. A extensión das narracións non debe superar os cinco folios manuscritos, por unha soa cara, e -ollo, porque esta é unha das principais novidades- non é preciso cinguirse ao formato de conto estrito, xa que é posible debuxar unha banda deseñada. O contido ha versar encol da solidariedade, e a lingua empregada ser a galega. O prazo de presentación remata o 15 de novembro. Cinco días despois, o xurado fará pública a súa decisión. Os mellores traballos serán editados polo Concello de Vilagarcía nunha publicación en cor que será posta en mans de Solidariedade Internacional. Os seus voluntarios distribuirán os exemplares na vindeira edición do programa Vacacións solidarias, concretamente en Honduras, Guatemala e os campamentos do exilio sahariano en Tinduf. Na entrega de premios do 20 de novembro, a ONG organiza unha sesión de contacontos.