O Pombal O Liceo-Casino cerrou onte unha nova edición do certame audiovisual. Fíxoo cunha gala sobria e elegante na que un dos maiores atractivos foi a música de Mr. Dixie
20 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Os amantes do audiovisual tiñan onte á noite unha cita co certame do Liceo-Casino. Era a primeira proba dunha nova etapa para esta institución de Vilagarcía. E, á verdade, superouna con éxito. A xerente da entidade, Cruz López , soubo preparar unha gala diferente, elegante e á vez, amena. O actual presidente do Liceo-Casino, Álvaro Paz , sóubollo agradecer cando tomou a palabra. Agradeceulle a ela o seu traballo, e agradeceu tamén a colaboración das institucións con este certame que supera xa a trintena. Lembrouse da Xunta, da Deputación, e tamén do Concello, de quen loubou a colaboración no só económica, senón tamén de intendencia. Unhas palabras coas que se cadra quixo dar por zanxada a desafortunada polémica que arredor deste asunto se suscitou estes días. A gala foi presentada por Carlos Blanco , que tivo oportunidade de topar vellos amigos durante a noite. Así, reencontrouse con Miguel de Lira , con quen protagonizou a curta galega que onte se estreou. Un Miguel que dixo atoparse coma na casa en terra de ingleses, bromeando en relación á última serie que protagoniza. Paixón pola telenovela Pero os auténticos protagonistas do acto celebrado onte foron as curtametraxes. Especialmente os gañadores do certame audiovisual. O premio ao mellor audiovisual foi parar para o filme El amor a las cuatro de la tarde. Trátase dunha cinta con acento arxentino: arxentino é o seu director, Sebastián Alfie; arxentino é o seu guionista, Roberto Fontanarrosa, e arxentino é tamén o home da voz en off, Ricardo Darín. Os tres son corresponsables dunha curta que describe con ironía os efectos das telenovelas nun fogar arxentino de clase alta a mediados dos anos oitenta. A historia está tan ben contada, que a cinta foi merecedora dun galardón dotado con 2.000 euros e un trofeo de ouro. Acentos próximos O premio Galicia, dotado con 1.500 euros e trofeo de ouro, foi parar a Baseado en feitos que puideron ter acontecido, de Perozo Porteiro. A historia que narra esa cinta de dous homes que van en furgoneta, de noite, con presa... e se atopan coa garda civil. Máis premios O certame do Liceo Casino tamén quere recoñecer os talentos incipientes. Para ese fin foi creado o premio aos novos realizadores, que foi a mans de Tomás Silberman. A súa curta Botellón abriulle as portas a 600 euros e un trofeo de prata. No ámbito da animación, a curtametraxe gañadora foi Perpetuum Mobile, codirixida polos alaveses Enrique García e Raquel Ajofrín. Ámbolos dous decidiron no seu día contar a vida dun novísimo Leonardo Da Vinci nas rúas da Florencia do século XV. E chega a hora de falar do premio do Liceo Casino, dotado con 900 euros. O galardón foi para un home de Vilagarcía, Pablo Millán, quen na súa curta O conxuro fai unha arriscada mestura de ficción e animación para contar o ritual dun pintor para ter unha fecunda xornada creativa. Pero ademáis de entregar os premios tal e como o xurado os repartira, o acto celebrado onte no auditorio de Vilagarcía serviu para rendir homenaxe a Eduardo Puceiro, un vilagarcián que dixo moito no mundo do teatro e do cinema galego. Este home recibiu onte o premio especial de homenaxe a unha vida de entrega á arte da representación.