O vello segredo de previr

La Voz

AROUSA

O pombal A UXT celebrou onte no auditorio unhas xornadas sobre a prevención de riscos laborais. Mentras, no Hospital, os traballadores elixían aos seus representantes sindicais

17 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Eu son adicta ás modas. Xa llo teño contado en máis dunha ocasión. Nestes intres se hai algo que estea «in» é a serie House. Xa saben, a historia dun médico un pouco prepotente e bastante antipático que sempre cura as estrañísimas enfermidades dos seus pacientes. A min encántame House. E se tivese unha enfermidade rarísima -pero rara, rara, rara- gustaríame que fose el quen se encargase do meu caso. Pero mentres non teña un brote dun deses atípicos e exóticos males, prefiro que me atendan médicos de carne e oso. Como os do Hospital do Salnés. Afortunada Como teño sorte, non tiven que acudir demasiadas veces ao centro de Rubiáns. Pero as veces que fun tratáronme moi ben. E iso que os traballadores non teñen todos os medios -nin o espazo- que deberían. Así o denunciou ata se fartar, entre outros, Tato Vázquez, ata agora presidente do comité de empresa do Hospital. Agora as denuncias corresponderanlle a outros: ás persoas que onte foron elixidas polo persoal do centro para os representar. Os resultados destes comicios electorais coñeceranse hoxe. Anque os médicos do Salnés son boa xente, e adoitan tratar ben a quen precisa das súas atencións, eu prefiro ver os hospitais de lonxe. E para eso, o mellor é a prevención. Onte, no Auditorio de Vilagarcía, falouse moito dese tema. O sindicato UXT desenvolvía nese edificio unhas xornadas sobre a necesidade de tomar precaucións para que o traballo non acabe con nós -no sentido máis literal da frase, xa saben-. A lista negra Anque os sindicatos -todos- levan anos incidindo na necesidade de tomar medidas de prevención, o certo é que os accidentes no ámbito do traballo seguen a ser un problema serio. No que vai de ano, 47 galegos deixaron na vida no seu horario laboral, 633 sufriron algún dano grave, e 31.146 algunha lesión leve. As cifras, como poden ver, cantan. Así que xa saben, tomen precaucións e anden con sentidiño. Que a vida non se paga con cartos. Nin sequera con moitos cartos.