O mellor da feira, o xamón

La Voz

AROUSA

M. M.

O Pombal Mentres en Vilagarcía o rei da inauguración de Fexdega foi Isidro o dos Arcos co seu magnífico xamón, no Grove, Núñez Feijóo saboreou os mellores manxares do mar

11 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Todos os anos, a feira multisectorial de Vilagarcía, Fexdega, volve á cidade como o turrón volve polo Nadal. E todos os anos, a Fexdega volve tamén Isidro o dos Arcos co seu excelente xamón, os seus bos viños e outras delicias tipo salchichón ou chourizo. E tamén todos os anos, as autoridades que participan no paseo polos postos posterior aos discursos fan sempre unha paradiña no stand de Isidro, que os agasalla como mandan os cánones cuns bos pratos de ibérico do bo. Onte non houbo quen se resistira as delicias dos Arcos. Nin o alcalde, Javier Gago, nin o presidente do Porto, Jesús Paz, nin a delegada provincial de Industria, Montse Prado. E no Grove, polbo A Festa do Marisco é outro deses lugares nos que estes días hai que deixarse caer se se quere comer ben. Quen puido comprobalo onte foi o secretario xeral do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que estivo no Grove e que picou todo o que quixo nos pratos que alí puxeron. Polbo, ameixas, empanadas de varios tipos e, por suposto, viño albariño para regalo. Vaia, produtos do mar, que diso si que saben os mecos. Sempre se di iso de que aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid. Bo, pois onte Núñez Feijóo aproveitou que O Bao está no Grove para, de paso que daba conta das tapas de marisco, facer tamén traballo político de oposición. Comezou por loubar ao alcalde meco, Miguel Ángel Pérez, que, claro está, é do PP. Del dixo que é un excelente rexedor e que agarda que repita no cargo tralas eleccións municipais do ano que vén. De seguido dixo que O Grove xa tiña que ter un porto deportivo e que ese proxecto está actualmente parado por culpa dos que gobernan hoxendía a Xunta de Galicia. E dicir, do PSOE e do BNG. E para rematar sinalou que estaba moi preocupado porque no Hospital do Salnés hai listas de espera, e porque os grandes proxectos previstos para Vilagarcía están paralizados. Desde logo, non hai como estar na oposición para preocuparse polo que non te preocupa cando estás no goberno. ¿Non si?