O pombal No Grove, a fin de semana estuvo consagrada á festa. Miles de persoas renderon tributo aos produtos do mar. Mentres, Cáritas celebraba unha xornada de convivencia en Carril
09 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O Grove é estes días a meca dos fieis á boa comida. A Festa do Marisco está a encher a localidade de xente ansiosa por probar os excelentes produtos do noso mar a prezos máis que axustados. Esa mestura de marisco e economía converteu o certame nun rotundo éxito hai xa moitos anos. E, desde aquela, cada edición sirve para reeditar ese éxito. Ese medra, entre outras cousas, por que no Grove non paran quietos e sempre andan a argallar algo para facerlle máis agradable a estancia aos seus visitantes. O patronato da festa, co alcalde Miguel Pérez á cabeza, é o responsable de innovacións como da que lles falo de seguido. Centolo para todo Anque nunca hai centolo no menú da Festa do Marisco, ese animal é o emblema indiscutible do Grove. Por iso, o servizo de gardería que funciona nas carpas de O Corgo leva por nome o de «Centolo Park». Rodeados de xoguetes, atendidos por monitores, e dispostos a facer amigos, os máis cativos gozan dos días de festa ao seu xeito. Mentres, os pais poden gozar dos pratos de marisco que cociñan ducias de mans expertas. Dese xeito, nin os nenos se aburren nin os maiores perden os nervios. E é festa para todos. Mentres no Grove todo o mundo pasou a fin de semana a tender pontes entre o sentido do gusto e o estómago, en Vilagarcía, os amigos de Cáritas Interparroquial dedicaron o domingo a se coñecer un pouco mellor. Non é a primeira vez que esta organización, presidida por Francisco Fernández, dedica un día á convivencia: xa van doce edicións deste encontro. Os actos son ben sinxelos. Nesta ocasión, un encontro na Igrexa Santiago Apóstolo de Carril. Ata alí acudiron todos aqueles que forman parte deste colectivo en Vilagarcía, algúns colaboradores do resto da comarca, e o arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, que non quixo perder a ocasión de amosar o seu afecto por ese feixe de persoas que un día decidiron dedicar parte do seu tempo a axudar aos demais.