AREOSO | O |
04 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.OU BOI OU VACA. Hai cousas que non deberan ter volta de folla pero, xa ven, cando a política se mete polo medio ata dous e dous deixan de ser catro. ¿Un tópico?, non hai máis que coller as dúas últimas polémicas da semana en Arousa para comprobalo. Por exemplo. O conto da auga de Vilagarcía. ¿É potable ou non é potable? ¿pódese usar para cociñar e lavarse o non se pode? Non debera ser algo suxeito á opinión nin oportunidade política. É ou non é, e iso está determinado por uns parámetros recollidos nunhas análises. Ciencia logo. Pois resulta que aquí tamén depende de criterio de cada quen, e as probas que fan no Concello non coinciden coa lexislación que manexa a oposición. Así que, segundo o goberno local podemos estar moi tranquilos cando abrimos o billa, mentres que Fole e Fajardo nos meten o medo no corpo. Outra cousa é de quen te fías máis, pero o que nunca saberemos é quen ten a razón. En Cambados andamos coas mesmas a conta da gardería municipal. Na Xunta din que hai un módulo ilegal e que o Concello o mantivo en funcionamento a sabendas. Pola súa banda, o alcalde asegura que de ilegalidade nada de nada, que como moito hai un erro nun expediente. Antón Losada anda a sacar dos caixóns documentos e documentos para que non se diga que fala para a feira e Tourís xa anuncia que el tamén ten papeliños dos que botar man, e engade que todo este barullo é fume para tratar de facer dano político a un Concello do PP. As tornas cambiaron e agora tócalle mandar un pouco ao BNG, pero as estrataxemas seguen a ser parecidas. Imos ver, ¿é tan difícil saber se foron catro ou foron cinco as unidades autorizadas? Verán como non o imos dar sabido. Namentres, os políticos usan a técnica das luras, esa de botar tinta (nos xornais) para emporcallalo todo. Como miña compañeira Maruxa, moitos xa renegan deles. A mágoa é que os desencantados non contan para facer país.