Cruz López

ANTÓN MASCATO

AROUSA

TRIBUNA PÚBLICA | O |

08 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Intelixente, honesta, traballadora, preparada. Acerta a xunta directiva do Liceo Casino, que preside Álvaro Paz, na escolla de Cruz López para a xerencia desa sociedade, por varias razóns que se explican na estratexia de crecemento e modernización que ten que procurar este colectivo social. Os vellos casinos padecen a parálise propia da idade avanzada, se non afrontan a tempo a súa renovación e adaptación aos tempos. Rematada a etapa de clasismo e xeralizada a oferta da práctica deportiva con novos axentes, a esta entidade fáltalle deseñar o seu lugar no século XXI. E nese contexto asume Cruz López a responsabilidade que lle encomendan. Licenciada en Filoloxía, ten ampla experiencia como técnica na xestión de empresas culturais, foi redactora en diversos medios de comunicación, entre eles Radio Voz, editora de publicacións, responsable de eventos culturais e directora executiva da Asociación Galega de Editores á que lle proporcionou elevadas cotas de modernización. Formada en novas tecnoloxías e dotada de amplas capacidades para o desenvolvemento de técnicas de acceso ao coñecemento, á información e á formación, ten por diante o reto de dotar ao Liceo Casino das novas demandas dunha sociedade que ten renovadas necesidades: ludotecas e servizo de gardería para os pequenos, equipamentos informáticos e dixitais para a mocidade, fisioterapia para os corpos castigados polo traballo, cursos de áreas de saber actual, ximnasia e centros de día para maiores, piscinas e spás; novas maneiras de ocio e cultura, ademais de diversas actividades deportivas con equipamento de capacitación e tecnoloxía de adestramento. O futuro A xerente chega á estrea do seu cargo nunha encrucillada referida ao futuro da sede social, algo que terán que resolver os membros da entidade nun exercicio intelixente que transcenda o salón dos bailes de Entroido e fin de ano, e as partidas de baralla. Os editores galegos perdemos á nosa mellor valedora, os cidadáns de Arousa gañamos unha xestora de prestixio na actividade cultural, recreativa e asociativa.