Entrevista | Xosé Luís Camba O lume vai facer deste un San Roque distinto. Camba, un daqueles precursores, explica por que se manten a festa
12 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?ran tempos de locais coma un bar, coas súas tapas de chorizontes, de calores e de reivindicación. Así o asegura Xosé Luís Camba, un dos integrantes daquel grupo que viu e fixo nacer a Festa da Auga. Hai quen quixo, no seu día, mudar a procesión de camiño. E quen conseguiu, ao cabo, que a misa central non se celebrase. Así é como se escribiu a súa historia. -É importante aclarar que aquí non hai fundadores, senón máis ben un enlace entre como naceu a festa, dun xeito realmente espontáneo, e como seguiu. Todo o que ten que ver coa Festa da Auga ten que ver cunha reclamación de frescura fronte á sequía cultural. -Non haberá camións cisterna, pero ¿por que manter a festa neste ano terrible? -Ninguén é alleo ás circunstancias. Pero estas circunstancias non só se refiren á auga. A xente está queimada en todos os sentidos. Prescindir da Auga sería renunciar a esa ilusión que une a xeracións, a esa interrelación da caída da auga, nun momento como este, cando é máis necesaria. A Festa da Auga é un berro libre de intervencións, que nace da xente. -Ben, mais ¿non temen que haxa críticas polo emprego da auga? -Insisto en que queremos axeitarnos ás circunstancias. Non haberá camións, nin derroches. Vai ser o que a xente queira que sexa. Festas da auga celébranse tamén en Canarios ou en Almería, para reivindicar feitos como a construción dun encoro. A nosa é diferente. Por outra banda, hai que ter en conta que a conciencia da auga non pode ser cuestión dun só día. A sensibilidade ten que estar aí cada vez que un tira da cisterna. Isto é, simplemente, unha actividade lúdica. Importante, porque é un berro, unha reflexión, e é a festa na que se basea a cualificación de San Roque como festa de interese nacional. -Unha actividade que volta aos seus comezos. -A cuestión non é que queiramos voltar ao comezo, xa que sería absurdo negar a evolución da festa. Trátase de que volva ao seu cauce logo daquela loucura da Aqua Parade, que enchía a festa dunha agresividade insólita. -Piden imaxinación. -Imaxinación, si, como sempre houbo. Aínda lembro hai un par de anos a un home que viña cun contagotas . Ese momento de comunicación, do sorriso de quen bota a auga e o de quen a recibe, é fantástico. Hai que recuperalo.