A radio dos mariñeiros

Rosa Estévez
Rosa Estévez VILAGARCÍA

AROUSA

Reportaxe | O Barco da Memoria inicia en Cambados a súa viaxe En maio do 36, os prezos da sardiña desencadenaron unha dura loita entre mariñeiros, patróns e conserveiros. Moitos homes do mar pagaron un alto prezo por defender os seus dereitos

15 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ANTONIO CHAVES DEL RÍO. Van alá 70 anos dende que este home foi arrincado da confraría de Cambados. Mañá, a unha menos cuarto da tarde, o seu retrato ocupará un lugar de honra no edificio do pósito. Para que a historia non se esquenza nunca. A sardiña volvería se os gobernos quixeran». A letra retorcida de Castelao deixou esa lenda debaixo dunha das ilustracións que publicou no 1931 no Álbum Nós. Aquela colección era unha escolma da miseria de Galicia. Pero era tamén unha mostra da decisión que agromaba en moitos homes e mulleres, dispostos a reivindicar os seus dereitos. No mar, esa loita pola dignidade deixouse sentir con forza. Tamén no 1936. Mentres nalgures fermentaba a idea de derrocar á República, nas costas galegas os mariñeiros protestaban e facían folgas para reclamar un prezo xusto para a sardiña. Na ría de Arousa, o patrón maior de Cambados, Antonio Chaves del Río, levaba a voz cantante tanto nas protestas como nas negociacións coas conserveiras. Contan que el foi un dos que tirou caixas de peixe ao chan diante dunhas fábricas. E que aquel acto de rebeldía tivo que pagalo caro: coa vida. Pero nas contas dos feixistas, Cháves del Río xa lles debía a vida de antes. O que chegou a ser patrón maior cambadés botara moito tempo fóra da súa vila, navegando, e volvera a casa convertido nun home de mundo. Coñecía o ámbito do anarcosindicalismo -ao tempo que patrón maior foi presidente da CNT-, e manexábase ben entre os libros e a cultura. Como presidente do pósito de Cambados -o primeiro que se creara en Galicia, alá polo 1917-, apostara por meter aos mariñeiros do seu pobo na modernidade. E así no pósito houbo escola, houbo un economato no que mercar os produtos de primeira necesidade e houbo ata unha radio: unha das tres que daquela había en Cambados. O carácter dinamizador que sempre tivera o pósito reforzouse durante o mandato de Chaves, que axudou a convertelo nun dos polos da vida social e política da localidade durante a República. Un foco de progreso no que franquistas, gardas cívicos e demais matarifes habían de ir buscar a maior parte das súas presas. Porque vítimas en Cambados houbo moitas. Malia súa imaxe de localidade sosegada na que nunca pasa nada, as pedras da vila foron testemuñas dunha represión tan ben silenciada que para moitos non existiu. Pero os mortos e os presos están aí, e os seus nomes comezan a sair á luz. O Colectivo Mascato, que se encargou de coordinar os actos que terán lugar na vila durante a estadía do Barco da Memoria, ten localizadas unhas trinta historias. A maioría son de mariñeiros, anque tamén as hai de mestres, de empregados, de carpinteiros... Case todos eles percorreron o via crucis do medo: de Pontevedra a San Simón, de San Simón a Pamplona. Moitos quedaron nese camiño. Outros lograron voltar á casa. A finxir, que remedio, que nunca nada tivera pasado.