Elas, almas rotas

La Voz

AROUSA

A Igrexa tardou séculos en saber que a muller tiña alma. Ao Estado levoulle máis darlles o dereito ao voto. Non foi ata a República, en 1933. A política era actividade de homes, na Casa do Pobo, nos sindicatos... Elas non daban feito coa casa, os fillos, os vellos, a fábrica, as patelas, e as iracundas prédicas de José Bertal, «noso cura». A este, as tranformacións republicanas éranlle insoportables: lei do divorcio, casamentos civís, merma no cepillo... Eran moitas na noite da procesión dos dolores, semana santa do 36, cando estralou, no silencio, aquel "puñetero corvo" que lle revirou a sotana. "Xa as pagharás". Noventa días demorou o inferno en cumprir a súa ameaza. José Casas Otero caía acribillado, na costiña de Altamira, Dena. E con el, atravesado por un tiro, Ricardo Figueiro, Chiquitín. E Juan Álvarez Portela, O Grañeiro, e Manuel Costas Mascato, O Panxón. E enmudecía para sempre a palabra de Esperanza Casas, irmá e moza dos primeiros. A memoria sabe das mulleres, as que enchían a igrexa nos domingos, as que deron soporte aos refuxiados, pola noite, cando o lobo asalta. Protagonistas de episodios dun gran valor humano. A dor e o medo, o silencio interrumpido só polo bater dun corazón estragado para sempre, foron compañía das mulleres que viron perseguir, matar, prender e torturar, aos seus. Eles remataron alí a súa travesía. Elas quedaron co castigo e a soedade. Quedaron cos fillos, e cos vellos, cos abusos económicos e sexuais, coa marca de non ter onde traballar porque aquela era a fábrica doutro "viva la muerte". Gardadas aínda moitas na memoria oculta, teñen que saír á luz. Aquelas que tiveron un papel na salvación de seres humanos; as que foron encarceadas polo apoio aos fuxidos; as que levaban comida e roupa; as que ocultaron xente; as humilladas con rapas de pelo; as maltratadas para que se entregaran os seus. Foi moito o sufrimento, longo o tempo padecido. Por eso vai por todas vós esta palabra que procura coservos as almas rotas que levades.