A raposa

ANTÓN MASCATO

AROUSA

OBSERVATORIO | O |

01 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Os presos políticos aurousáns tiñan, en 1936, un percorrido asegurado: do cuartel da Garda Civil á prisión provisional, no edificio que fora Escola Normal de Pontevedra, para as primeiras declaracións; ingreso no Campo de concentración de presos políticos, chamado oficialmente Colonia Penitenciaria de San Simón, xulgamento por rebelión militar na Deputación, e execución de penas máximas na Caeira, ou reingreso en San Simón. Naquela illa máis de catro mil seres humanos agardaron o seu destino: paseos, execucións, traslados, represión, maltrato físico e sicolóxico¿ As cifras son tan frías como terribles: 54 sacados para seren paseados, 76 levados fóra para seren fusilados; 482 mortos máis por diversas causas. Máis de seiscentas persoas mortas. Cada final de día, o reconto oficial era seguido por outra lista máis pequena, nela os nomes dos que tiñan que agardar a chegada dunha vella motora que os penados chamaron A raposa. Era o transporte que cada noite levaba aos presos para seren paseados, fusilados, torturados¿Na memoria dos resistentes quedou gravado o ruído daquel motor renqueante, máis aínda que as prédicas do padre Nieto, cura de pistola ao cinto, que revisaba os corpos inmolados pedindo "otro tiro de gracia" para os que aínda non morreran; ou que as corrupcións do director Lago Búa, que salvaba as vidas se as familias conseguían diñeiro para pagar "a mí no, es a personas importantes". Ao novo réxime fíxolle falta un gran espazo no que meter aquela maré humana. Cos cárceres masificados encontrou, no antigo lazareto, o lugar ideal para amorear presos mentres decidía o seu destino. Aínda tería outro uso, despois de ser cancelado como cárcere en 1944. Logo duns anos, foi preparada para colonia de vacacións de falanxistas, membros da garda persoal de Franco. Alí morreron afogados corenta e tres deles, nun naufraxio, non simbólico, dos vencedores. Antón Mascato é membro da Comisión pola memoria histórica do Grove.