Violencia

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

17 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ISO que chamamos historia está cheo de episodios violentos. A península Ibérica foi máis tempo campo de batalla que calquera outra cousa: guerras entre reinos, guerras relixiosas e racistas, guerras de sucesión e, últimamente, a incomprensiblemente chamada Guerra Civil. Pero esta, última e se cadra non derradeira, aínda non está asumida, explicada, nin, por suposto, curada. E non o está por moitas razóns que teñen unha semente na etapa da Transición, que deixou sen modificar, dun xeito ou doutro, «institucións» como o sistema xudicial, o Exército e a teimosa influencia da Igrexa, aparte da transmisión, sen solución de continuidade, da monarquía que, colocóusenos no lugar que ocupaba o presidente da República por designación de Francisco Franco e aí segue. Esa chamada Guerra Civil foi, sen dúbida, a peor contenda que se desenvolveu nunca na Iberia. O número de mortos é un dato concluínte. Pero, ademais, naceu e viviu como delito. Foi unha sublevación militar amparada na única razón da forza, utilizou o terrorismo unha vez rematada a campaña militar contra a poboación non adicta, foi un xenocidio ao perseguir a xente polas crenzas ou ideoloxía política, mantivo no poder non aos elixidos polo pobo senón aos designados por unha caste económica, relixiosa e ideolóxica. E durou, influíu e determinou o xeito de vivir e pensar de varias xeracións que aínda non son quen de tirarse da cabeza o inculcado tan fondamente. Terá que pasar máis tempo, haberá que seguir analizando todo, porque, hoxe por hoxe, hai partidos políticos que non condenan a violencia. A violencia da Guerra Militar-Civil, a violencia dos asasinatos terroristas da posguerra, a violencia da persecución ideolóxica de corenta anos de ditadura, a violencia da represión. A violencia de, aínda hoxe, quedar mal visto nalgúns sectores por escribir isto.