Matar ao mensaxeiro

COLECTIVO ECOLOXISTA

AROUSA

TRIBUNA PÚBLICA | O |

18 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O pasado venres, o Colectivo Ecoloxista do Salnés organizou unha mesa exposición nas inmediacións do campo de tiro ao pichón da Toxa, para expoñer o problema de contaminación mariña no litoral da illa, debido á disolución do chumbo nos perdigóns provintes do campo. A realización desta actividade plantexouse unha vez se fixeron públicos os resultados das analíticas feitas pola Consellería de Pesca, na que daba unhas concentracións tan altas de chumbo na especie de molusco reló que se prohibiu a súa comercialización. A intención do CES era poñer de manifesto a necesidade de abordar a limpeza do tramo de litoral da Toxa afectado pola presenza de perdigóns de chumbo, unha importante (aínda que non a única) fonte de chumbo disolto nas augas da ría de Arousa. Ante este panorama se nos responde dende o colectivo de hostaleiros do Grove, pedíndonos aos ecoloxistas prudencia á hora de denunciar problemas de contaminación e de saúde pública. ¿Por que se nos acusa de imprudentes a nós? ¿Acaso non é falar dos problemas o primeiro paso para solucionalos? ¿Que ten de malo plantexar publicamente solucións aos problemas? ¿É tan imprudente pedir que se limpe a ría de chumbo? E se falamos en termos económicos ¿non é a ría a que sostén a todos os sectores estratéxicos do Salnés? Por iso sorprenden as declaracións feitas polo presidente do colectivo de hosteleiros cando se nos di que o tiro ao pichón supón un importante impulso ao sector turístico... O impulso turístico de dita actividade é francamente cativo, mentres que a contaminación por chumbo obrigou xa a deixar de explotar unha especie de marisco, recurso este que si resulta crucial na proxección turística desta vila. Resulta ademais significativo desas declaracións afirmar que o colectivo ao cal representa se ofrece a participar en actuacións que teñan como obxectivo manter a calidade da ría. Creo que ao final, polo menos no básico, coincidimos máis do que disentimos, polo que convidamos ao presidente dos hosteleiros do Grove a informarse á hora de dar a opinión ante as nosas porturas.