Letras polo mar abaixo

La Voz

AROUSA

El palomar A celebración do 17 de maio xa empezou en moitos puntos do Salnés. Hai que ir quentando a festa do idioma galego. E para iso, nada mellor que unha boa regueifa

15 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

No IES Francisco Asorey de Cambados andan estes días a falar da cultura galega. Supoño que non hai mellor forma de celebrar o Día das Letras. Onte, dentro dese programa de actos de difusión do noso, no centro estivo Xurxo Souto. Os máis novos igual non saben que foi un dos pais do bravú, un rock galego que marcou toda unha época. Xurxo Souto -que tamén fixo de locutor na serie Mareas Vivas - achegouse ata o instituto para disertar sobre Música e Literatura. Falar, falou en galego. E como el diría: «Falou Xurxo, e falou ben». Regueifeiro Anque escoitar a Xurxo Souto sempre resulta interesante, o certo é que o mellor da mañá foi o espectáculo de regueifas que logo deron Pinto de Herbón e Luis Caruncho. O das regueifas, dígollo de corazón, é todo un arte. E precisa dunha grande axilidade mental, porque consiste en manter un diálogo rimado co contrincante. Eu, dende logo, non sería quen de botar unha regueifa. Dorna de tope Xa lles falei de onte. Agora teño que lles falar de mañá. Porque mañá, o día propio das Letras Galegas, na Illa de Arousa van celebrar a festa como máis lles gusta: no mar. A Asociación Dorna vai bautizar oficialmente dúas embarcacións: Peza de rabo e Montañesa. A segunda é unha pequena dorna polbeira, pequeniña pero fermosa. A primeira, pola contra, unha dorna de tope. Máis en concreto, é a primeira dorna desa familia que sairá ao mar dentro do proxecto que dende a Federación Galega pola Cultura Marítima se está a desenvolver para recuperar esta tipoloxía de embarcación. ?odo listo Dende Dorna, indicaban onte que os homes e mulleres da escola de Dorna, con Juan Luis Iglesias Pardavila á cabeza, xa teñen todo preparado para o bautizo destas embarcacións. Mañá, as doce do mediodía, celebrarase o acto, no muelle do Cantiño. E como se trata dunha data especial, ata alí achegaranse gaiteiros para poñer a música de fondo. E moitos amantes do mar e das súas tradicións, para dar calor a un colectivo, Dorna, que leva anos a defender o noso patrimonio cultural.