«San Simón foi comparable aos campos nazis»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

ENTREVISTA | G. Amoedo

13 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? vindeiro venres, ás oito da tarde, o auditorio de Vilagarcía proxecta o documental Aillados , un traballo de Antonio Caeiro sobre os anos nos que a illa de San Simón funcionou como campo de concentración. Aínda que foxe do termo historiador,, Gonzalo Amoedo ten estudado a fondo este brutal período e participará neste novo acto do espertar de Arousa da desmemoria. -¿Por que se escolle a illa para este fin? -Era tal a cantidade de xente que había que prender, que San Simón, pola súa situación, próxima a Vigo e a Pontevedra, resultaba idónea. Hai que pensar, tamén, que alí existían os edificios do lazareto. O groso da xente do Fronte Popular na provincia, os alcaldes, os concelleiros, os sindicalistas, foron levados alí, ben para ser paseados directamente, ben para agardar os consellos de guerra. -Existe a impresión, porén, de que San Simón foi un campo para xente de fóra... -Si, tamén de que foi un campo para xente vella. En realidade as dúas apreciacións son erradas. Nos sete anos de San Simón como campo de concentración hai tres etapas. Esta primeira, na que se concentra á xente de Pontevedra. Logo, a medida que avanza a guerra, comezan a chegar os presos do fronte norte, de Asturias, de Santander. En último lugar, coa caída de Cataluña e de Aragón, xa se enche de xente de fóra. Moitos deles son vítimas da miseria, da enfermidade e da falta de hixiene, non teñen familia perto que les poida traer roupa ou algo de comida. -¿Canta xente puido pasar por ela? -Precisamente estamos agora a estudalo. Podemos falar de seis mil persoas, das que un 10% morreron, iso sen contar os paseados, as famosas sacas de San Simón. Dende logo, son cifras comparables ás dos campos nazis. -Todo isto recóllese en «Aillados». -Si, Caeiro, no 92, puido entrevistar a moita xente que viviu aquilo. Agora está traballando nunha versión actualizada. Paga a pena.