Cousas da lingua

| SERXIO GONZÁLEZ |

AROUSA

PASOU en Negreira, hai uns días. Un pícaro bulideiro, duns catro anos, chamado Martín, sorprendíase de que outro pequeno, de Vilagarcía, chamado Brais, fose quen de falar con el en galego. «¿E logo ti en que idioma falas?», preguntou o meniño arousán. «Eu en inglés, guachipanchigüei», respostou o Martín. A súa nai, que puña cañas tras da barra, explicou a escena. «É que agora, aquí, no centro de Negreira, os nenos case que non falan entre eles en galego; só aquel, que é fillo dun garda civil -para que logo digan- fala con Martín en galego», dixo. A avoa, que ata entón toqueaba nun recuncho do bar, viuse na obriga de intervir, e proclamou unha sentenza negra coma a morte: «Aí no colexio apréndenlles a ler en galego, co que nos custou a nós aprender en castelán». Como a percepción do propio falante non mude, ata logo Lucas.