ENTREVISTA | Machote
08 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?uxo rostro á política de Vilaxoán durante anos, como concelleiro do equipo de Javier Gago. Caeu da lista no 2003, pero nunca renunciou a voltar á area pública dun xeito ou doutro. Albíscanse as municipais, e Francisco Muñiz, Machote , pide paso de novo. -Eu sempre pelexei pola zona sur de Vilagarcía. Somos as dúas parroquias máis importantes, quitando o centro. Vilaxoán e Sobradelo son máis de sete mil persoas, máis que o resto do municipio xunto, repito, deixando o centro aparte. Pero a nosa representación é mínima. Temos que movernos, porque isto é unha tomadura de pelo. -¿Vai voltar vostede á primeira liña? -Sempre estarei en primeira liña. -Ben, pero falo das municipais. -Falta aínda moito tempo, pero as gañas non me faltan. Eu digo o mesmo que aquel xeneral MacArthur; volverei. O partido sabe que estou disposto a participar outra vez. -¿Na candidatura ou dende o partido? -Mellor no plano político, no partido. Nos altos cargos sempre repiten os mesmos. Non falo só da executiva de Vilagarcía, senón de postos de representación como o comité nacional... xa me entendes. Sempre repiten os mesmos, e iso debería rematar. Hai que deixar paso a semente nova. Tampouco falo xa de min, senón doutra moita xente. E que queres que che diga. Está ben primar aos técnicos, pero non pode acabar aí a cousa, porque cando veñan as duras os que quedaremos aí seremos nós, os políticos. E hai que recoñecer todo ese traballo dalgún xeito. -Dígame, ¿como ve as vindeiras eleccións municipais en Vilagarcía? -Se o meu partido non comete os erros que eu dixen nunha asemblea hai un ano, se hai representatividade e proporcionalidade na lista, e se o candidato é o mesmo, Gago, que é o mellor que hai, se pasa todo iso coido que a maioría absoluta podémola conseguir. Ten que haber xente política, que non estea todo o día no búnker, que saia á rúa. O cidadán quere toparse na rúa co político. -Oia, ¿e que pasa co da asociación de veciños? ¿xa nada? -O único que digo é que haxa eleccións.