«Estou en paz polo de Schwarzenegger»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

ENTREVISTA | F. Besada

07 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?nha contraportada de La Voz puxo a Fernando Besada en boca de media pel de touro. Dous meses despois de anunciar o seu particular desafío ético ao gobernador de California, Arnold Schwarzenegger pola execución do preso Stanley Tookie Williams, Nano segue disposto a non deixar que unha soa película de quen dera vida a Terminator chegue aos estantes do seu videoclube. -Diso nada. Xa o dixen entón. Aquí non volve entrar unha película de Schwarzenegger. Aínda que imaxino que mentres siga a ser gobernador non rodará nada. -¿Como vai a cousa? ¿Está satisfeito logo do boicot aos seus filmes? -Satisfeito non podo estar, porque logo da execución de Tookie volveu asinar outra sentenza de morte. O que estou é en paz coa miña conciencia, pero contento claro que non. -A súa idea de destruír as películas de «Schwarzie» chegou á Federación Española de Videoclubes, da que vostede foi presidente. ¿Houbo algún videoclube máis que se unise á súa campaña? -Para empezar non era unha campaña, senón unha posición ética persoal, así que tampouco se trataba de que se sumasen estes ou aqueles. O que fixen foi informar da idea, e houbo opinións para todos os gustos. -¿Que tal aquí, no Grove? -Pois de todo. Ata algún amigo que entraba polo videoclube e me preguntaba: «¿Que, para cando a seguinte de Schwarzenegger?». «¿Como a seguinte?», dicía eu. Claro, era unha broma. Xa pode quitar a película que sexa, que non a merco nin tolo perdido. -Pero a cousa foi moito máis aló, chamárono da televisión... -Si, chamou Eva Hache para intervir no seu programa por teléfono. E logo tiven cartas e chamadas de moita xente. Amigos que hai moito que non vía, xente que fixo comigo a mili, cartas anónimas felicitándome, una páxina en Internet na que se debateu o asunto... Lembro unha carta dun home de Móstoles moi emocionado. E, sobre todo, unha persoa de Madrid, que os avós eran do Grove, e dixo sentir un orgullo moi especial.