«Os polígonos de Baión e Barro son perfectamente compatibles entre si»

La Voz

AROUSA

?nha competencia central do IGVS é o deseño da política de vivenda autonómica. Neste eido, Galicia atópase ante novidades esenciais. -Unha das ideas revolucionarias que imos desenvolver na Consellería de Vivenda é un rexistro único de demandantes de vivenda. E vai dar uns resultados espectaculares, vai quedar claro que os concellos, ou se poñen a tono para axudarnos e darnos a oportunidade e xerar solo, ou vai haber unha auténtica explosión. Porque os prezos se dispararon en todas partes. O rexistro dirá de verdade quen demanda unha vivenda, onde e de que tipo, e o día en que o poñamos a andar imos saber, ao cabo de seis ou oito meses cal é esa necesidade real. Por outra banda, o que se vai modificar de raíz, no plano cuadrienal de vivenda, 2005-2008, é ir a un porcentaxe de vivendas de promoción para o aluguer. Porque a xente nova ten que comezar por algo. E imos premiar a quen constrúa e, ademais, o xestione. -Outro dos motivos que semella dar que falar é a política de solo industrial. -Galicia non é Madrid, nin o País Vasco, nin Cataluña, pero si existe potencialidade e un crecemento do PIB que anda polo 3%. Na área funcional de Vigo, que para min chegaría dende Vilagarcía a A Guarda, con crecementos mesmo superiores ao 5%. Nesta área funcional hai, nestes momentos, unha demanda de solo que triplica a oferta previsible que lle podemos dar nos próximos anos. ¿Que sucedeu? Que se fixo un plan sectorial, comezaron aló polo 97, que, sen ser dende o meu punto de vista un modelo de programación de actividade ben ordenada, si tiña unha certa coherencia. Pero antes de poñelo en marcha sucede o do Prestige , e isto desmádrase. A todos os concellos da costa hai que darlles solo industrial, porque van vir fondos da casa de Deus. E logo se apuntan outros. ¡E resulta que o Prestige chegou ata Ourense! Nós chegamos agora e estamos traballando nun programa para analizar moi ben a demanda real, a demanda potencial e a demanda que nós podemos inducir, que tamén é importante. E todo isto sobre unha racionalidade do territorio. En Galiza temos un eixo atlántico, do Norte ao Sur, un eixo transversal norte, entre A Coruña e Lugo con saída á meseta por Ponferrada, e o transversal sur, no sentido Vigo-Ourense. Nestes tres eixos estamos a traballar, en parques de gran calidade. E iso non ten que ver con que noutras zonas, porque Galiza evidentemente non está toda aí, se actúe en áreas de centralidade chamémoslles comarcal e municipal. -¿Non teme unha andanada de alcaldes do Partido Popular? -Estamos tentando racionalizar este tipo de procesos e facelo sen localismos. Non podo impedir que haxa manifestacións de calquera forza política que diga que non se levan cousas para tal sitio. Pero mala política sería a que localizase as actividades produtivas en función de que haxa alguén que teña máis predicamento ou capacidade de convencemento. Non, en función de parámetros racionais. Nós non facemos un parque para os empresarios de aquí ou de alá, senón para todos os empresarios que poda atraer o territorio onde se implante. Unha das cousas que dificultou ata agora iso é que, a pesar de que en 1995 se aproba a Lei de Ordenación do Territorio, aí estivo o sindicato de alcaldes do PP. ¿Quen era o valente que lle puña o axóuxere ao gato nun sistema que algúns chaman de equilibrio local? -Vexamos Baión e Curro. Este segundo parque está na mira dos portos de Vilagarcía e Marín como área loxística. ¿Son factibles os dous polígonos ou non? -Hai un tipo de actividade que pode ir a Baión e outro que non. Evidentemente non imos colocar chemineas nun parque que vai por tras dun hospital, ¿non? En Baión hai grande demanda. Nós imos tratar de unir as dúas fases actuais, Vilanova 1 e Vilanova 2, e amplialas coa empresa estatal que se encarga do seu desenvolvemento. Por outra banda, todo o que teña que ver coa intermodalidade e o ferrocarril está practicamente garantido en Curro, mentres que en Baión é máis difícil. Coido que son perfectamente compatibles.