VENTO DA TRAVESÍA | O |
04 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.MENTRES unha parte da humanidade morre de fame ou se desangra en guerras, corre un andazo de relixiosidade, de volta á Idade Media: musulmáns ofendidos por debuxar a Mahoma, católicos pondo unha bomba nun teatro, criacionistas rexeitando a teoría da evolución e, por aquí adiante, bispos a encabezaren manifestacións políticas. Parecía que o mundo ía avanzando cara a situacións onde as decisións colectivas tiñan como faro máis o interese común que a relixión; pero hoxe xa non está claro: ó mesmísimo Bush ocorréuselle rezar polas posibles vítimas do Katrina en vez de mandarlles medios para que zafasen do temporal. Así que, coma na Idade Media, volve a andar todo mesturado e, se non abrímolos ollos, pode que se vaia substituíndo, de novo, a racionalidade polas interpretacións dos respectivos designios divinos segundo cada credo. A influencia da relixión na civilización xudeo cristián foi total e só a partires do século XX empezou a cambiarse o rumbo. No Xénese, ó falar da Creación, dise que Deus fixo ó home para que dominase nos peixes do mar, nas aves do ceo, no gando i en tódalas bestas salvaxes e pídeselle ó home que someta á Terra, que creza e se multiplique. Esta doutrina permitiu que se considerase que o home podía explotar libremente, sen límite, os recursos naturais postos pola Divindade para seren consumidos polo home; e así ata que se lle viron as orellas ó lobo e houbo que mandar parar. San Francisco de Asís, patrón dos ecoloxistas, Paulo VI e Xoán Paulo II empezaren a matizar: o Papa polaco afirmou que non había que tratar á Natureza coma a unha escrava, senón coma a unha irmá e que o Universo ten harmonía entre tódalas súas partes e calquera desequilibrio ecolóxico sería un prexuízo. A cousa está en saber se, co andazo relixioso, volveremos a onde aínda non se saíra.