Nación

X. Á. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

15 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

NESTES días anda revolto o panorama a discutir se Galicia é unha nación. Por aclarar, ou por botar leña, déixenme dicir algo. A palabra nación, etimoloxicamente, está relacionada con nacencia ou con nacente e ten a súa orixe no latín natio , propiamente raza, que tamén deu verbas coma natural. O significado actual desta verba, definido nos diferentes dicionarios, esixe a concorrencia dunha comunidade humana, un territorio, unha cultura e unha lingua. Estes requisitos, grosso modo, son os que esixe, pacificamente, a Ciencia Política para definir unha Nación. Hai que engadir que esta idea vén sendo propiamente romántica, nacida, obviamente, parella ao proceso de construción dos Estados. O termo nacionalidade , que a Constitución Española, no seu artigo 2, coloca a carón de rexións, é unha calidade derivada da existencia dunha Nación. Resulta obvio que se estas dúas verbas non denominasen dúas realidades diversas non tiñan por que aparecer, as dúas, na mesmísima porta da nosa Norma Suprema. Por moitas reviravoltas que se lle queiran dar, non pode existir nacionalidade sen Nación. Non é doado de explicar que, quen se proclama, tan pomposamente, constitucionalista, acepte a palabra nacionalidade e se alporice se se menciona nación. Non sendo que se queira reinventar o idioma para contentar á moda política, é palmario que rexión e nacionalidade son conceptos diferentes. Rexión está, hoxe, máis achegado á Xeografía, e Nacionalidade, máis arrimado á organización Política. Por outra banda, rexión ten na súa raíz o termo rex , seguramente, no senso de territorio dominado por un rei, e nación fuxe desa dependencia para centrarse no concepto de comunidade. Existen Nacións sen Estado i Estados sen Nación única ou Nacións divididas en Estados. En España estes termos tenden a confundirse pola influencia do anterior réxime. Vai sendo hora de clarear as liñas.