AREOSO | O |
22 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O FOLCLORE é un dos productos que mellor podería exportar Galicia. Ao igual que en marisco ou animación por ordenador, tamén somos altamente competitivos en danzas, cantos e ritmos bailables. A riqueza e valor estético do noso traxe tradicional non ten que lle tusa en toda Europa; e se houbese un PIB capaz de medir iso que chaman patrimonio cultural intanxible, estaríamos entre os principais productores do mundo. Os que enruguen a expresión logo de ler o antedito deberían ter estado hai tres semanas no festival intercéltico de Aosta, por poñer por caso. Ao pé do Monte Bianco (Mont Blanc para os franceses), entre músicos e bailadores da Bretaña, Gales e Irlanda, ou polas rúas de Chamonix, Courmayeur e Aosta, o lector escéptico había admitir o que é unha evidencia ao norte dos Pirineos. Evidente debía de ser para un cuarteto de músicos que destacaban pola vestimenta: a saia ( kilt ) de cadros, as sandalias de coiro atadas ao longo da perna, os trebellos de guerra, a maquillaxe do rostro¿ todo igualiño que na película Braveheart . Mais non eran de Escocia, senón da rexión italiana do Piamonte; e cando iniciaron a primeira actuación, os membros de O Fiadeiro que alí estaban oíron unha tonada familiar. Das bagpipes dos italo-escoceses saían unhas notas alegres e coñecidas: estaban a tocar Aires de Pontevedra .