«Se cadra non me souben vender ben»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

Entrevista | Beatriz González Loroño Había ganas de continuar, pero non quere ser egoísta. A parlamentaria vilagarciá ten palabras de ánimo para Marta Rodríguez Arias e asegura que tentará que Rivera volte á casa común do PP

29 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Estivo ata última hora nas quinielas do PP para repetir na candidatura ás autonómicas. Ao cabo, a elixida foi a súa compañeira Marta Rodríguez Arias, presidenta de Novas Xeracións en Pontevedra. Nin por esas perde Beatriz González Loroño a compostura. -Estou moi agradecida por ter esta oportunidade durante catro anos. Creo que Marta o vai facer moi ben, é amiga miña e estou á súa total disposición. -¿E vostede? -Eu entro noutra etapa da vida. -Ben, pero ¿seguirá na vida política ou tomará un tempo para o descanso? -Sigo formando parte do PP, dende hai moitísimos anos. Non é o mesmo ter unha responsabilidade directa que ser unha simple militante. Pero estou no comité de dereitos e garantías en Santiago. Tamén estamos preparando unhas xornadas que terán lugar en Vilagarcía ou Cambados. Seguirei botando unha man pero, efectivamente, en principio penso tomar un tempo de descanso. -Dá a impresión de que vostede traballou, pero que ese traballo non luciu de cara a galería... -Traballar no goberno ou na oposición é moi distinto, aínda que pouca xente repara nisto. No tinteiro quedan aínda cousas importantes, como unha lei de fundacións de interese galego, que terá que ser resolta na vindeira lexislatura. Mire, a diferencia da oposición, as nosas iniciativas non as publicamos porque as negociamos directamente cos conselleiros. É certo que ese traballo non se ve, e iso é un pouco ingrato, ten vostede razón. Tratei de facelo o mellor posible, e se cadra foi un erro meu e non me souben vender ben. Pero cada un é como é. Eu non valería como comercial. -¿Non hai unha certa decepción por non continuar? -Eu púxenme a disposición do partido para que tomasen a decisión que lles parecese máis convinte. Eu vía cousas positivas en continuar, pero tamén negativas. Faleino co presidente provincial e xa está. Claro que me gostaría que me pedisen que repetise. E, ao ver cousas positivas e negativas, se queres amargarte sempre podes atopar motivos. Pero se cadra sería un pouco egoista pola miña parte amarrarme ao posto e non deixar paso a outra persoa. -¿Como ve a Marta Rodríguez, a esa outra persoa? -Moi válida, leva moito tempo no partido e é o momento idóneo para darlle o espaldarazo. Ela está moi ilusionada e contará co meu respaldo e a miña experiencia. Nestas eleccións é a primeira vez que pode suceder absolutamente de todo, e tendo en conta que se non conseguimos a maioría absoluta non temos nada que facer, toda axuda é importante. Non pode haber problemas nin fisuras. -Falando de fisuras, mantén vostede unha boa relación con Rivera Mallo. Ata tal punto que algúns verían en vostede a persoa idónea para un achegamento... -Levo intentando dende hai bastante tempo que haxa unha aproximación, máis proximidade entre Ivil e o PP. E agardo que por fin se produza ese achegamento. Esta situación é ilóxica. -¿Estaría disposta a mediar? -Non é a primeira vez que intento que Rivera volte ao PP, e seguirei ata que consigamos que en Vilagarcía haxa un só partido.