VENTO DA TRAVESÍA | O |
05 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.ESTIMADO don Isidoro Álvarez: permítame dar por suposto, polo que eu saiba, que non me coñece, nin, evidentemente, eu non terei nunca o gusto de saudalo ou de frecuentar os seus círculos de amizade. Sen embargo, e perdóeme a inxenuidade, fai varios anos que ten a amabilidade de felicitarme polo cumpreanos; ademais este 2005 foi dobremente amigable ao facelo por carta -que bonito resulta nestes tempos recibir cartas- e, xusto no día, por correo electrónico. Teño que darlle as grazas e doullas, non me vaia a chamar maleducado e, se fora vostede tan amable, gustaríame que me contestase para contarme cando é o seu aniversario por corresponderlle e non resultar descortés; podería remitirlle, téñao por certo, calquera bonita postal ou un sobre deses tan debuxados e perfumados que vende nas seccións de papelería. Cando recibo estas súas cartas sempre me resultan inesperadas: Se non fora por vostede seguro que non me acordaría con tanta antelación da data. Tamén teño que dicirlle que se utiliza estas felicitacións coma unha táctica comercial vai errado; quixera pedirlle que deixe de enviarmas. Non llo digo porque me moleste ser un ano máis vello, que me fastidia ben, nin porque me faga sentir unha falsa sensación de familiaridade con vostede; dígollo porque eu non me vou a agasallar a min mesmo. E, como ten tódolos datos, pídolle que, de agora en diante, lle remita á miña familia, aos amigos, á xente coñecida, ou se quere, aos comerciantes unha cartiña recordándolles que é o meu aniversario. A verdade, non me importaría que se emocionasen todos e acudiran aos seus Corte Inglés, Hipercor, ou como lle chame, a facer moito gasto en regalarme o que fose. Espero que atenda esta petición e, deixe de felicitarme porque, a verdade, faime pensar que me aprecia. Un cordial saúdo e espero a súa contestación.