Reportaje | Cándido Pazó actúa na Illa O conteiro buscaralle as cóxegas ás panxoliñas típicas destas datas na súa actuación desta noite. Por suposto, fará rir ao respetable coas súas historias e lerias cheas de humorismo
16 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.?ara a meirande parte do público galego, Cándido Pazó é un conteiro. Para o respetable da Illa, onde actúa esta noite -ás 21.00 horas na casa consistorial-, ademáis de ser un fantástico narrador, Cándido é un bo amigo. Por este motivo, e partindo de que «como son boa xente permítenme facer de todo», o artista pasará a ponte cunha carteira chea de novas historias e moitas reflexións sobre o Nadal. Xa que vai falar das datas festivas de decembro, e como o seu maxín no se resiste a buscarlle o lado cómico e retorto ás cousas, Pazó plantexa unha primeira pregunta transcendental: «¿Por que teñen que beber os peces no río cando ven nacer a Deus?», di o conteiro. «Eu aínda non lle atopei a solución, a verdade, non sei que relación pode ter que os peixiños beban cando se produce o alumbramento... será iso de que coa bebida un alucina», di Cándido Pazó, rematanto a frase co sorriso que o caracteriza. Estas e outras cómicas cuestións serán as que plantexe hoxe ao seu público amigo da Illa. Co mar de fondo E ademáis de Nadal, Pazó fará referencia hoxe a un elemento esencial no municipio isleño: o mar. «Non, non se pode ir á Illa e non falar do mar así que terei que contar unha historia parecida á da Cenicienta pero co mar de fondo, claro», dí. Trátase dun conto que aínda está por estrear pero, como asegura o artista, «como esta noite vou estar coma na casa pois vou probar, se sae mal non creo que me reñan moito». Pazó, que é un habitual nos espectáculos de narradores da comarca, tamén está a triunfar nos festivais que se celebran en Colombia. Aínda que recoñece que ten algún que outro problema para trasladar a súa retranca ao idioma castelán afirma que «en canto ensaio tres ou catro días así en castelán, xa me afago e listo». Co gallo desta actuación, Pazó tamén fai referencia a como os contacontos arman a súa artillería pesada: «Eu son un paroleiro empedernido de toda a vida, pero sobre todo, son moi bo escoitador», asegura. Será por iso polo que sembra sorrisos aló por onde pasa.