Irresponsabilidades varias

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

11 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

EN SANXENXO desfrutaban, dende que as praias se desfrutan, do tesouro de Silgar: un areeiro ao abrigo que, con Portonovo, resumía o atractivo de masas, aínda que ten máis, característico desa vila. Ata que alguén decidiu ampliar o peirao e cambiou o sentido das correntes e, tercamente, inverno tras inverno, vese coma vai desaparecendo a area. En Bueu ocorreu outro tanto: ampliación do porto e desaparición da praia. En San Vicente do Mar fíxose un porto deportivo, apartouse aos mariñeiros para un recuncho e, co agrandamento, foise esvaendo, tamén, a praia do Espiño. Tres casos onde, evidentemente, hai responsabilidades. E como o que desaparece é dominio público ninguén reclama. Pero responsables hainos. Imos ver: ¿Non houbo un señor enxeñeiro, seguramente de moito ringorango, que deseñou esas ampliacións? Hai organismos públicos, Costas do Estado, Costas da Xunta, que teñen que mirar polo dominio público. ¿Cál é a razón de que ninguén esixa responsabilidades?, ¿cómo se pode admitir que o tal enxeñeiro siga deseñando peiraos e desfacendo o que sexa? Pasa outro tanto cando tamén hai intereses particulares. Por exemplo, aquí na nosa comarca hai demasiadas curvas nas que, un día si e outro tamén, prodúcense mortes por tráfico. É de supoñer que algo terá que ver nesa terquísima realidade o trazado das malditas curvas. E iso ten un autor e a ese autor ninguén lle reclama nada e segue deseñando estradas polo mundo adiante. Tampouco a Administración fai control algún. E que queren que opine se, tantas veces, se acusa aos políticos de corrupción cando todos agachan a trama de estudos, consúltings e demais: ¿E se conto que houbo, e hai, reunións, algunhas en Portugal, para repartirse pasteis de proxectos públicos?