Piollos e pulgas

AROUSA

NA ÚLTIMA | O |

09 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

DESCOÑEZO se se trataba dunha práctica xeralizada, pero na loita contra os piollos que se libraba en boa parte dos centros escolares hai un par de décadas, o efecto psicolóxico colateral non parecía moi ben calculado. O procedemento pouco delicado que coñeceron centos de rapaces incluía unha inspección pública de cabezas, con paradas especiais nos individuos sospeitosos, seguidas despois dun pequeno encontro dos inspectores ao redor do pequeno. A crueldade dos cativos só necesitaba da carta branca que supuña a confirmación por escrito de quen era o piolloso. E esta chegaba en forma de sobre pechado, unicamente entregado aos alumnos que sufriran antes a humillación pública diante dos seus compañeiros. A xuzgar pola frecuencia actual dos anuncios sobre locións e colonias antipiollos na televisión, aquela guerra contra os parásitos parece que acabou en victoria. Debérono recordar agora os responsables desa fábrica donde as traballadoras tratan de tapizar asentos acosadas polas pulgas. Din as empregadas que as acusaron a elas de ser as portadoras dos bichos que viven felices na nave industrial. Que se saiba, aqueles piollos non morreron a base de humillar a quen lle tocara sufrilos.