VENTO DA TRAVESÍA | O |
27 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.UN paseo en coche, por poñer, entre Vilagarcía e O Grove, permite caer na conta da inexistencia de límites reais entre municipios: hoxe non hai espacios deshabitados que actúen coma fronteiras, nin están xustificadas as diferencias entre un concello e o estremeiro; a mobilidade actual da poboación, as facilidades de comunicacións, permiten unha interrelación, unha mestura, permanente, de todo o conxunto de habitantes. Nada fai diferente Caleiro de Corbillón, ou Castrelo de Xil. Sen embargo, as desigualdades existen por mor de que cada un destes, e outros, lugares pertencen a un municipio distinto. Onde máis se percibe esta diverxencia é no planeamento urbanístico por canto cada Concello resulta competente para facer o deseño de seu sen máis limitacións que as legais. E así ocorre que o que é norma nun lado está, ou pode estar, limitado no outro e se un aproveita dun xeito, ao veciño permítenlle algo diverso. Pero, ademais, falla a mutua articulación, a preservación de valores e intereses comúns. Hai, é certo, un organismo denominado Mancomunidade que podería, perfectamente, estruturar toda a Comarca. Sen embargo, seguramente, pola indeterminación e a febleza das súas normas constituíntes limítase a traballar coma unha deputacionciña, atascada en dar algún servizo, repartir uns cantos empregos e fomentar subvencións e clientelismos diversos, sen ter unha presencia definidora da Comarca que, así, sigue nas mans de visións localistas carentes dun plan de conxunto. O desenvolvemento, desordenado e irregular eso si, da Comarca do Salnés, a extensión a case todo o seu territorio da ocupación humana, fai imprescindible dotar á Mancomunidade de potestades urbanísticas que permitan esa visión de conxunto. Habería que ir pensando neso.