Cineuropa | «Private»
19 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.?on moita realidade e con gañas de facer unha proposta, Saverio Constanzo filma en Private o medo de verdade. A tensión do espazo bélico, a valentía da resistencia e aínda lle queda tempo para demostrar que no medio dos desastres bélicos queda lugar para renacer. Constanzo pode pensar que entre palestinos e israelís non hai máis posibilidade que o entendemento futuro. Pero tamén entende que non hai, nin por asomo, un principio de igualdade nas diferencias. Por eso a película funciona como unha parábola: unha casa ocupada como un país ocupado. As opcións que ofrecen a película son limitadas aínda que ben intencionadas: a resistencia pacífica ata donde sexa posible. Tamén é certo que o director deixa aberta esa vía cun final bucle, cun retorno ao principio, que ademais de deixar a súa tese fronte ao paredón do infinito, evita ter que manter o argumento da resistencia ata límites imposibles. Quizais a película non teña grandes virtudes fílmicas, nin caligrafía coidada, nin iluminación preciosista, nin sequera se pode dicir que teña esa certa retórica do director que sabe que fai cine sabéndose dono do estilo. Non ten nada disto e nada disto lle resulta necesario. Se o cine é contar historia, esta película conta unha historia de verdade, que mete medo de verdade. Se hai algo que Constanzo entendeu é que non se pode transmitir o conflicto do Oriente Medio sen contar cal é a tensión das víctimas. Private é unha película que sen recrearse no morbo, sen subliñar nada, sen aproveitar trucos do xénero, traspasa ao espectador o medo de quen está vixilado, ameazado, de quen ve coutadas as súas posibilidades. Ese medo definitivo é o que madura a película antes mesmo que as distintas reaccións que ese medo provoca: resistencia, violencia, intencións de fuxida. En realidade, a película consigue transmitir a complexidade da situación e aínda así esquiva subliñar a culpabilización evidente dos israelitas alén do seu papel de exército ocupante. Director: Saverio Constanzo. Xénero: Drama. Duración: 90 minutos . Nacionalidade: Italia. Estrea: 2004.