AREOSO | O |
16 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.QUEDAR coa dúbida non é cousa boa. Sobre todo nun eido tan decisivo como é o da xestión pública. Novamente aparecen informacións que comprometen a un responsable político, neste caso o presidente da Deputación de Pontevedra. Voltan aqueles tempos no que os vencellos con Nené Barral facían tremer a estructura do Partido Popular no Salnés. Aquela treboada pasou como unha mala nube no verán. Agora ven esta, en pleno terremoto conservador. O presidente e os seus compañeiros de partido, por riba e por baixo, ampáranse na legalidade. Efectivamente, non parece haber nada ilegal nas acusacións de outorgar subvencións a empresas amigas, sempre que tales concesións se ateñan ás canles normativas e as compañías agraciadas leven a cabo o seu labor atinadamente. Pero tampouco foron ilegais as vendas de material aos voluntarios que fixeron aquelas empresas vencelladas a Cuíña no máis duro da pelexa do Prestige , e sen embargo o golfiño de Fraga, o todopoderoso conselleiro, caeu. Non se trata de que Rafael Louzán siga o mesmo camiño e dimita. Non. O que cómpre é que todo este asunto sexa completamente clarexado. Se ten que haber comisión de investigación, que a haxa. Quen nada malo fixo, nada debe temer. Para que non queden sospeitas. Hai moito en xogo.