«Úrxenos un gran espónsor xa»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA

AROUSA

Entrevista | Manuel Isorna Folgar

28 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

?on 34 anos, Manuel Isorna leva máis da metade da súa vida ligado ás Torres de Catoira. Palista con 16 anos e adestrador do equipo case inenterrumpidamente desde os 19, é a alma máter e o gran responsable do ascenso dun club modesto ao máis alto da elite española. Dúas Ligas Nacionais consecutivas e o dominio absoluto na panorama autonómico son os máis destacados e recentes logros no enorme palmarés vikingo . Tan grande, que o seu artífice non é quen sequera de lembrar. O futuro, lamenta, pode non ser tan esperanzador se non se atopa un patrocinador potente. -Invencibles non somos. A única receta que nos damos é traballar moito. Os deportistas, os seus pais e os directivos das Torres son cada ano máis conscientes de que os éxitos chegan con moito esforzo e con certa intelixencia. Unha das vantaxes que temos é que hai anos soubemos anticiparnos ao futuro. Por exemplo, en Catoira tan só hai 22 nenos de 13 anos. Máis da metade deles dedícanse ao piragüismo. Pero para facer un equipo forte precisabamos máis rapaces, e por iso buscamos fóra, sobre todo en Dodro e Valga. Facemos moitísimos quilómetros para traer a nenos deses concellos ata aquí. Nós temos que suplir o défice de recursos que temos con traballo. Agora precisamos conseguir un patrocinador forte para semiprofesionalizar o club. Cando menos para contratar a alguén que se encargue en exlcusiva de manter a estructura do club e facer parte do traballo de intendencia, como trasladar os rapaces para os adestramentos. Sería suficiente conseguir unha empresa que nos dese entre 36.000 e 60.000 euros ao ano. Ningún outro equipo fixo máis méritos cá nós para conseguir patrocinador. Hai clubs que teñen un patrocinador potente sen os nosos resultados nin o labor social que levamos detrás. Algúns, que mesmo cuadriplican o noso orzamento, fóra de Galicia. Aquí, na nosa Comunidade, semella imposible conseguir un respaldo empresarial sólido. -Se non atopan ese patrocinador que panorama se lle presenta ás Torres. -Véxollo moi negro. Hoxe ninguén fai nada por ninguén. Nestes momentos o presidente, eu e algunha xente máis sacrificamos parte do noso tempo libre para levar os rapaces aos adestramentos, por exemplo. Estas son cousas que as novas xeracións non están dispostas a facer de balde, os tempos cambiaron. Dependemos do voluntarismo das persoas, e iso pode non durar sempre. Todos rematamos cansándonos. Por detrás veñen clubs con cartos e para competir contra iso debemos dispor dun patrocinador acorde. -¿Agardaban sumar a súa segunda Liga Nacional? -Para ser sincero, nin nós nin os nosos rivais. O Tudense, o Breogán e o Poio, reforzados este ano, eran os favoritos para copar o podio. Sabiamos que esta tempada ía ser complicada, e a nosa aspiración era rematar cuarto ou quinto, en loita con Delfines de Ceuta e mais Zamora. Pero os rapaces respostaron moi ben e penso que acertamos moito cos barcos de equipo, conseguindo que deran un alto rendemento. -¿Que supón para Catoira estar no máis alto do panorama nacional? -Se analizamos a prensa, de cada 100 veces que sae Catoira, 90 faino polo piragüismo. As Torres dá a coñecer o pobo polo mundo adiante. É algo sorprendente. Moita xente pensa que, co equipo que temos, Catoira debe de ser unha poboación grande. -Polo de agora os éxitos son colectivos. ¿Para cando un palista vikingo nunha gran cita internacional absoluta? -Agardo que pronto. Fernando Busto proclamouse este ano campeón do mundo júnior de maratón en Noruega en C-1, e os seus compañeiros Eloy Ferreira e José Barreiro foron cuartos. Natividad Busto entrou no equipo nacional xuvenil feminino e permanecerá concentrada con el todo o curso no Centro de Alto Rendimiento de Murcia (xa leva tres semanas alá) e María Pérez foi incluída na selección española de damas sénior, coa que traballará a partir de xaneiro. O que resulta incrible é que os responsables do Centro de Tecnificación de Pontevedra considerasen nos últimos anos a Fernando, Eloy e José como non aptos para a práctica do piragüismo de alto nivel.