VENTO DA TRAVESÍA | O |
04 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.«LA MULA» é a última novela, moi cinematográfica, de Juan Eslava Galán. Describe a Guerra Civil -¿por qué se chamará civil?- vista polo cabo, conductor de reatas de mulas, Juan Castro. Preséntanos o día a día daquel miserable enfrontamento dende a óptica da xente do común que, coma sempre, aporta as víctimas. O cabo Castro pasárase dos republicanos aos nacionais por mor de que no seu chabolo de caseiros dun marqués, aínda que nada tiñan, dicía el que nunca lles faltara pan. Namorouse no frente e salvou unha mula da que quería apropiarse ao remate do conflicto, por non volver coas mans baleiras e ter con qué traballar. Nun descanso reencontrouse cun amigo do pobo, sindicalista, tenente nun tanque republicano; entre eles volvéronse a cruzar reproches e o esquerdista lembroulle que era un desclasado por estar no bando de ricos, curas e señoritos, aínda que, por suposto, despedíronse con abrazos. Nos últimos días da contenda en volvendo, victorioso, cara ao fogar, cruzouse co tanque do amigo e con el morto ao lado. Chorouno; intentou buscar explicación sen topar ningunha; á noite, soterrouno debaixo dunha aciñeira, non foran a comelo os cans. A peripecia de Juan Castro resulta, exactamente, igual á de multitude de mozos, que tanto puideron disparar dende un lado coma dende outro, que foron monicreques dos poderes reais. Pero esto tan claro e tan certo non está asumido e séguese desprezando aos perdedores. Van alá sesenta e cinco anos e permanece vixente o culto a un bando: Non se unifica a memoria dos mortos dos dous lados; van alá sesenta e cinco anos e hai quen se opón á proxectada Lei de Solidariedade coas víctimas da guerra; van alá sesenta e cinco anos e aínda non se arrinca de prazas e fachadas a memoria cruel desa longa, longuísima, asfixiante, demoledora, noite de pedra.