O C.J. Cambados en estado grave

RAMÓN LAYA TRIGO (SOCIO)

AROUSA

TRIBUNA PÚBLICA | O |

18 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois de máis de 40 anos de vida, o Club Juventud Cambados atravesa por un dos seus peores momentos de saúde. Como calquera enfermo, arrastra múltiples doenzas, pero entre todas elas hai unhas que revisten maior gravidade. A falta de colaboración empresarial, a escasa implicación dos grupos políticos, a lonxanía do campo de fútbol do centro da vila e o que é máis grave: a falta de apoio por parte da propia masa social , poden levar a este histórico club á súa desaparición. Esta delicada situación débese en gran medida ao escaso interese e á enorme apatía por parte dos socios para facerse cargo do timón da entidade. Cabería facer neste momento unha serie de preguntas. ¿Onde están agora aqueles directivos e socios que cando había axudas divinas non dubidaban un intre en prestar colaboración? ¿Por que sempre imos os mesmos a Burgáns? ¿Acaso só interesa o Cambados se o equipo está en Terceira ou en Segunda B? Por desgracia, as respostas a estas cuestións non van resolver de inmediato o problema actual do club, pero si axudan a lembrar que hai dous tipos de socios: os que aparecen unicamente cando as cousas van vento en popa e os que sempre están aí, ao pé do cañón. A día de hoxe o enfermo está grave, e necesítanse actuacións de urxencia para que a súa vida non corra perigo. Creo que nesta vila hai medios suficientes para mellorar a endeble saúde deste histórico club. Pero necesítanse médicos , persoas con ilusión e tempo que sexan quen de reanimar esta senlleira institución. Sería unha pena que o C.J. Cambados, despois de todo o traballo feito ao longo destes anos por moitos cambadeses levando o nome da nosa vila por tódolos recunchos de Galicia, tivesa que ter un triste final. Se realmente o club nos interesa, non podemos permitir que isto aconteza. Temos que conseguir que siga adiante. Entre todos, socios, simpatizantes e cambadeses, temos que sacar o club do estado crítico no que se atopa. O C.J. Cambados precisa máis cá nunca do apoio de todos nós. O ideal sería que este problema se arranxara canto antes e que a vindeira tempada o club seguira adiante.