Una opinión discrepante

MANUEL BOUZAS

AROUSA

AREOSO | O |

04 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

COMO ex presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, quero manifestar a miña discrepancia coas declaracións efectuadas polo presidente da Cámara de Comercio o pasado 28 de abril. Creo que se trata dunhas afirmacións que carecen dunha análise rigurosa da realidade, sen base na que se poidan apoiar nin tan sequera froito dunha observación empírica. Afirmar que os depósitos de Finsa-Foresa están baleiros e que os terreos de dominio público portuario, do frigorífico Cefrico, foron regalados, é que polo tanto, esta empresa pensa en deslocalizar a súa actividade a un país latinoamericano, é faltar a verdade, eu podo asegurar que ambas infraestructuras foron e son actualmente o pulmón básico do Porto para conseguir e manter o equilibrio económico. Afirmar que o problema do Porto é que «está dirixido por funcionarios», é descoñecer as funcións que estes teñen e a profesionalidade con que as desempeñan en aras a conseguir un porto competitivo, e como máis importante entre todas elas, a de garantir o principio de legalidade nos procedementos administrativos, principio constitucional e pedra angular que debe rexer, como así rexe no Porto de Vilagarcía, na xestión do dominio público e na prestación de servicios públicos. No Porto de Vilagarcía a min cónstame que hai profesionais funcionarios e laborais de gran valía que coñecen perfectamente cal é o modelo portuario que teñen que acadar. Sempre defendín que os membros dos consellos de administración dos portos non deben cobrar polo desempeño das súas funcións, entendo que se debe realizar unha modificación normativa, no sentido de reducir o peso dos políticos na súa composición e que teñan máis representación os axentes económicos do porto, así como os representantes dos traballadores, porque eles son os que se xogan o seu futuro e, polo tanto, son os máis interesados en que as cousas funcionen de xeito correto. Pero tamén fun precursor e defendín que os membros dos órganos colexiados deben expresar, se as teñen, as súas discrepancias, e non facelas públicas antes de que se debatan polos seus membros, porque elo supón unha deslealdade institucional que debe ser atallada a fin de garantir o bo funcionamento dos órganos rectores é evitar situacións de incerteza que poidan poñer en perigo o futuro portuario.