VENTO DA TRAVESÍA | O |
17 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.A PROPAGANDA é, como se sabe, o xeito de mentir máis ruín; é traizoeira, falsa, interesada, porque non espera sacar de un so sentimento polo sentimento, senón que está feita para que lle deamos algo do que o propagandista se poida apropiar. Pode querer, por poñer, que merquemos un coche, que viaxemos a algures ou, por xeneralizar, que paguemos algo. Estes días sona que tal ou cal conveciño pode chegar a ter o trato de Señoría e acostumarse a andar, logo do 14 de marzo, pola Carrera de San Jerónimo. Teño a seguridade de que subir por vez primeira polas escaleiras flanqueadas polos leóns, pasar debaixo daquelas columnas neoclásicas, resultará emocionante. Pero esta miña columna, se algo é, é aceda, así que estou obrigado a escribir que ollo coa propaganda, a ver qué queres. Porque propaganda é dicir que vas a representar a unha comarca e cando che dean o Acta asegurar que te debes ó partido; propaganda é afirmar que compartes a alegría coa túa vila polo nomeamento e cando xa sabes como premer o botón electrónico; propaganda é verte tan feitiño, coa garabata tan combinada, en reunións de alto copete e esquecerte das necesidades da túa nación tan atrasada; propaganda é dar o voto no nome dun suposto interese xeral que sempre resulta contrario ó dos votos que te levaren a saberes xirarte no teu escano granate; propaganda é roubar os votos dos veciños se deixas pasar catro anos sen darte conta que para nós é útil o localismo, ou, se o miras ben, o nacionalismo. Así que, querido conveciño, pronto Señoría, déixame advertirche dúas cousas: Cando volvas, que volverás, preguntarémosche qué fixeches e, se xa intúes que non vas a levantar a voz por nós, aforra a viaxe. E, cando volvas, que volverás, que non te chamemos trampón porque, xa sabes, a propaganda é a forma de contar mentiras máis ruín.