Os números dan ó Arousa favorito

La Voz LA VOZ | VILAGARCÍA

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

O Grove perdeu tódolos seus derbis como local e só gañou dous dos tres xogados na Lomba O equipo arlequinado levouse os tres últimos enfrontamentos, nos que ademais non encaixou nin un gol

23 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

?ada partido é un mundo, e nel pode pasar de todo. Os derbis entre o Arousa e o Deportivo Grove son boa mostra da certeza dunha frase tan recurrida polos adestradores de fútbol. Mais os enfrontamentos entre os dous grandes equipos da bisbarra permiten tirar unha conclusión, que por moito mellor plantel que veña tendo Jacinto Barreiro, o conxunto arlequinado é historicamente superior. Pesie ó incremento da calidade dos seus efectivos ano tra ano, o Grove súa a gota gorda sempre que se ve as caras co seu veciño vilagarcián. De feito, se os números non mentisen as máis das veces, dirían que o Arousa é mellor equipo có seu próximo rival. Catro victorias por dúas derrotas deste último así o fan pensar. Sobre todo tendo en conta que o cadro agora adestrado por Santi Padín levouse en Terceira División todos e cada un dos seus enfrontamentos ligueiros no papel de visitante. E curiosamente, por idéntico resultado: 0-2. Iso si, sempre co Grove no seu exilio, lonxe do Monte da Vila. O balance no campo da Lomba, escenario o domingo do novo combate entre ambos adversarios, é favorable para os pupilos de Jacinto Barreiro. Dúas victorias, 0-2 na tempada 1999/2000 e 1-2 na 2000/2001 conforman a súa vitrina de triunfos no derbi comarcal. Mais o certo é que o Arousa pode presumir de ter gañado os tres últimos derbis, sendo o único dos dous contrincantes capaz de levarse os seis puntos en xogo nunha mesma tempada. Así, na pasada campaña, no punto álxido da súa grave crise, o conxunto arlequinado desfacíase 1-0 do Grove na visita deste á Lomba na xornada 19. Este foi precisamente o resultado co que o cadro de Padín iniciou o seu exitoso camiño cara a permanencia, ratificada novamente fronte ó seu opoñente meco na derradeira xornada de Liga. Entón o Arousa gañou 0-2, cando precisaba como mínimo o empate para evitar a rocambolesca carambola que o podía devolver á Rexional Preferente. Tamén no apartado goleador o equipo vilagarcián se amosa historicamente superior ó meco. Oito tantos leva acumulados o primeiro nos seis derbis na Terceira División, por só catro do segundo. Unha diferencia asentada sobre a incapacidade do Deportivo Grove de batir a portería arlequinada nos tres derradeiros enfrontamentos de ambas escadras. O plantel de Jacinto Barreiro terá este domingo a oportunidade de demostrar que, efectivamente, cada partido é un mundo e que os números só reflicten un pasado sin influencia sobre o presente. Quizais a urxencia de puntos que agora comparte co Arousa lle sirva de acicate para comezar a nivelar unha balanza histórica que convirte ó seu rival en favorito.