VENTO DA TRAVESÍA | O |
20 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O P. Sarmiento fixo ver a barbaridade de ensinar ós galegofalantes o latín en castelán. Utilizaba a expresión ignotum per ignotum para describir o absurdo de aprender un idioma descoñecido ensinado noutro tamén ignorado. O século XVIII non é o XXI, pero sigue existindo un pobo que fala galego e unhas elites, reais e ficticias, que utilizan o castelán. A desvantaxe de formarse dende fai séculos nun idioma ignoto, a carón de que os emigrantes, en xeral, sempre foron os menos favorecidos socialmente ou, o que é o mesmo, os menos educados, fixeron nacer esa imaxe do galego coma criado, zote, porco, que aínda pervive nalgunha edición de varios Diccionarios e nos diversos xeitos de inxuriar; e que tamén provocou, ó largo do tempo, que nós mesmos cualifiquemos a nosa propia lingua coma de menor categoría. A lucidez do P. Sarmiento describiu unha situación que aínda hoxe non está resolta na realidade porque o castelán sigue como lingua de éxito, asimilada ás clases sociais urbanas e triunfadoras e das que se creen nese status. Se prestamos atención resulta indubidable que o emprego dun idioma ou de outro vai unido tanto ó status no que se sitúa quen o emprega coma a determinados ambientes: úsase o galego na intimidade máis que socialmente, e máis canto máis maduros, os labregos falan galego na leira ó igual que os albaneis na estada ou os mariscadores na praia. Pola contra, nas oficinas, na Administración, nas cafeterías "guais", nos Grandes Almacéns, nos restaurantes de tronío e no comercio en xeral emprégase o castelán de xeito abrumador: É unha situación coma de autotraducción colectiva permanente que nunca logrará a expresión exacta que da unha lingua materna.