As Torres completa unha tempada dez co seu triunfo no Galego de Infantís

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA

AROUSA

ALEJANDRO RODRÍGUEZ

O Breogán acaparou a cuarta parte dos podios en xogo, finalizando segundo do Campionato Os equipos arousáns fixéronse con 14 das 24 medallas en xogo demostrando o seu dominio autonómico

08 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha semana despois de proclamarse campión da Liga Nacional de Piragüismo e do Gran Premio de Promoción de Galicia, o club As Torres-Romería Vikinga puxo a guinda ó doce pastel da que é, sen lugar a dúbidas, a mellor tempada da súa historia. Guinda en forma de triunfo no Campionato Galego de Infantís, competición dun único día celebrada o pasado domingo no río Lérez. Con 1.526 puntos e catro podios (un ouro, unha prata e dous bronces), o conxunto baixoullense superou ó seu gran rival, o Breogán do Grove, con 1.323 puntos, pesie a que este acadou a cuarta parte das medallas en xogo (tres ouros, unha prata e dous bronces). Hai que salientar a grande actuación de todo o piragüismo arousán na cita pontevedresa, cun sétimo posto para o A Illa, cunha prata e un bronce, unha novena praza para o Náutico O Muíño, cunha prata, e un bronce para o Ría de Arousa. En total, 14 preseas para a bisbarra, das 24 totais. A nivel individual, os clubes da nosa ría estiveron comandados polos seguintes rapaces: Bruno Barreiro (Breogán), Miguel Salgado (As Torres) e Rogelio Dios (Illa), 1º, 2º e 3º no Inf. B C-1 Destro; Aitor Acuña (As Torres) e Carlos Sotelo, 1º e 3º no Inf. B K-1; Gabriela Álvarez (Breogán), 1ª no Inf. A K-1; Ángel Christian Ribademar e Guillermo Marín, do Breogán, 1º e 3º no Inf. A C-1 Zurdo; David Maquieira (O Muíño) e Alberto Conde (As Torres), 2º e 3º no Inf. B C-1 Zurdo; Álvaro Bravo e Roberto Abal, do Breogán, 2º e 3º no Inf. A K-1; Carlos Agra (Illa), 2º no Inf. A C-1 Destro; e Paula Pérez (Ría de Arousa), 3ª no Inf. B K-1.