VENTO DA TRAVESÍA | O |
21 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A PARÁBOLA do fillo pródigo, penso eu, é máis difícil de entender ca un milagre. Resulta que o crápula estraga a fortuna paterna e cando volve á casa sen patacón o pai prefíreo ó fillo responsable; todo porque aparece en xogo o perdón, un limpador universal que deixa branquiña a conducta máis emporcada. Entón, polo visto, temos que perdoar ó pródigo e confiar na xestión que poida facer o dilapidador co patrimonio familiar. Disque esto non é cachondeo porque vén sendo actitude avalada por uns dous mil anos de doutrina católica e, por eso, cando calquera mangante pide indulxencia pola correspondente mamarrachada, xurde sempre un colectivo de xente boa conseguidor do perdón. Sentado esto, permítanme pedir para O Grove un nomeamento que ben puidera ser "Quintaesencia do Perdón" ou "Vila Pro Prodigalidade", ou unha lenda para o escudo de seu: "O Grove, Onde A Dádiva é Lei", "En O Grove Pide O Que Queiras", ou "En O Grove, ¿Qué Queres Que Che Dea". A historia é clarísima: No seu día quedamos sen a illa de A Toxa, que era do común e perdoamos a quen a entregou; Pedras Negras vendérona e ós vendedores perdoámolos; os transmitentes de Balea Marítima, perdoados están. En tódolos casos coas mesmas escusas. Agora imos a máis: Queremos entregar unha parcela na Toxa e un espacio para porto deportivo, os dous, outravolta, do común. Como diría un castizo: Somos moito, meu. Por certo, nestes tempos nos que se sube ós altares tan comodamente, sen martirio nin rabos de gaita: ¿Non haberá xeito de beatificar a un pobo enteiro?