Trala súa entrada no PP, quere transmitir ós cidadáns que este paso non vai supoñer ningunha ruptura. Resta importancia ó posible malestar dalgúns antigo concelleiros do PP excluídos da candidatura e asegura que a posible entrada doutros partidos na corporación non variará o diálogo que sempre caracterizou ós seus equipos de goberno. -Creo que imos alcanzar os mesmos puntos por unanimidade que sempre, que son máis do noventa por cento. Aquí nunca houbo un voto en contra. -Falemos do programa. -O programa segue tamén unha liña de continuidade. Os presupostos xa se aprobaron e agora trátase de executalos, aínda que estes días estábanse facendo algunhas obras e mandeille as empresas que pararan. Moléstanme as obras en campaña electoral, creo que son un insulto ós cidadáns. -Non é frecuente que un alcalde diga iso. -Eu creo que o concepto que os cidadáns teñen de min non é o de agora, o destes días. O individuo sabe de sobra a quen ten que votar. -Falou antes da importancia das políticas sociais, ¿vai por aí o seu proxecto? - Si, queremos facer unha nova política social. Nestes catro anos é fundamental que consigamos un centro de atención á terceira idade, porque as demandas da terceira idade superan agora a nosa oferta. Eu creo que gobernar é priorizar, e en Meaño ata agora había que atender ós servicios básicos. Agora hai que incidir nas políticas sociais. -E medioambientais. -Si, Meaño ten uns recursos naturais importantes que hai que potenciar. Tamén hai que mellorar a recollida selectiva. -¿Compatibilizará a súa xestión coa presidencia da mancomunidade? -(Risas) Eu creo que a mancomunidade ten un bo presidente e eu apoiarei o seu nomeamento. Eu non me vexo presidindo a mancomunidade.