Maiode ilusos

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

12 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

«MAIO longo... maio longo,/todo cuberto de rosas,/para algúns telas de morte,/para outros telas de vodas. Maio longo, maio longo,/fuches curto para min,/veu contigo a miña dicha,/volveu contigo a fuxir». Rosalía de Castro non era tan prosaica como para falar de eleccións pero vamos a xogar a interpretar estes versos. Fagámolo desde dous puntos de vista: dende o dos políticos e dende o do pobo. Se poñemos este poema na boca dos políticos non é por dicir que anden namorados, que andarán, nin que teñan desenganos, que non se lle desexan. Poderiamos afirmar que ós políticos espéralles un tempo de traballo intenso, espléndido, que se presenta como a festa da democracia; un tempo no que nos debuxarán un futuro adornado das máis fermosas roseiras; será, pois, un maio longo e para uns rematará felizmente e a outros, éche así o conto, fuxiralles a dicha.Estes versos tamén se poden ler dende o punto de vista do pobo, xa que ben se di que Rosalía interpretou coma ninguén a alma galega, ou que Rosalía é a alma mesma, e, quéirase ou non, tamén tiña un aquel de fatalista.Lida así a estrofa, sendo suxeito o pobo, temos que deixarnos asolagar de pesimismo. As eleccións son un campo de rosas, o inicio dunha vida nova chea de proxectos de felicidade: estamos namorados da democracia, imos a empezar unha xeira marabillosa. Pero, facendo caso de Rosalía, eses campos floridos, esas ilusións de voda, esa sensación de que o tempo, de tan ben que se está, é pouco, pódense converter nunha mortalla e ser tan fugaz a esperanza coma a campaña electoral.Pode que as ilusións rematen no maio, pode; entre tanto, sendo prosaicos, cantemos «No me llames iluso porque tenga una ilusión...». Alomenos está de moda.