Os días que nos conmocionaron

AROUSA

NESTES tempos que corren é difícil que algo sexa capaz de conmocionarnos. As loitas épicas parecen cousa de outras épocas ou de outras latitudes. Ata que chegou a marea negra e os homes do mar arousán saíron á boca da ría para volver victoriosos a unha terra aínda libre de fuel oil. Os días 3 e 4 de decembro foron días épicos, e coma tal serán recordados por todos aqueles que os viviron, fose desde os barcos ou fose desde terra. Foron épicos, digo, porque o exército arousán saíu pelexar con medios propios doutras épocas, ou desas outras latitudes que se atopan fóra do (mal) chamado primeiro mundo. Ningún mariñeiro quería a épica nin a heroicidade. E por eso berraron e maldiciron o seu enfado nos portos, ó paso dalgúns mandatarios ata o momento desaparecidos. Cómpre non esquencer aqueles días, nin a conmoción que nos causou a desigual batalla. Non podemos permitirnos o luxo de olvidar estas xornadas negras que aínda están pasando, anque sexa de puntillas. Tampouco podemos borrar as leccións aprendidas, que son moitas. Algunhas tan básicas coma que non podemos renunciar á nosa dignidade.