Son como mariscadores pacientes, cun pé na auga e outra na area, esperando que o mar bravo leve a terra algunhas das famosas gallegas. Son xente entregada e cun humor excelente.
14 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Hai unha nova forma de marisqueo na ría. Os voluntarios que enchen as praias da costa oeste do Grove andan como brancas mariscadoras á captura da galleta negra, deso que algún con tanto humor como desenfado chamou Chips Rajoy. Están pegados ó mar, ó temporal que onte batía contra o litoral, pero non perden as ganas nin ese sentido histórico de enfrontarse ó mal tempo con boa cara. As sucesivas praias de San Vicente e a praia da Lanzada lembraban onte unha paisaxe luar na que os humanos tivesen posto un pé colonizador, buscando quizais o famoso monolito da Odisea Espacial. Non buscaban tal prodixio con mensaxes do espacio, senón unhas pequenas bolas negras que o mar vai deixando cansinamente sobre a area. Os uniformes brancos, verdes ou amarelos forman concentrados exércitos despois dun desembarco. Parecen anónimos porque é difícil adiviñar o rostro do cansazo debaixo das carrapuchas e por tras das máscaras e das gafas, pero van soportando a pesadez da labor e a ingratitude do clima en día de temporal coa xenerosidade do compromiso, cos ánimos dos compañeiros e cos coidados da Cruz Vermella. As praias ofrecían onte un aspecto consolador no poñente grovense: a auga chegaba limpa e as pequenas bolas de fuel chegadas da desgracia non anunciaban esa grandísima ameaza negra contra a que todo o mundo, menos quen máis debera, se prepara. O mar andaba bravo no amencer do día. O mar bravo e o ceo inclemente. Un anuncio turbio de porvir -que palabra- que deixou ós vixiantes amarrados ós peiraos e os voluntarios nos arredores da lonxa grovense. Logo o clima decidiu ser un pouco máis benigno e os voluntarios foron marchando en gloriosa procesión cara ese lugar que nun tempo foi un paraíso e agora é un paraíso rodeado de chalés de luxo. A limpeza das praias foi case microscópica. Os voluntarios ían recollendo area negra por area negra, con paciencia, claro, e con frío porque por moito traxe de auga que se poñan, a humidade do día, o vento que chega con certa impaciencia do oeste acaba por facerse intimidade fría nos corpos voluntarios. Para estar a tono coa zona e cos traballos históricos e tradicionais das praias arousanas, os voluntarios acaban traballando como mariscadores a pé: moven os rastrillos e logo moven as mans para ir apañando esa colleita non pedida. En moitos casos, o traballo ten ese punto de paciencia que habitualmente se atribúe ós chineses. Pero non hai deseperación. A medio camiño entre San Vicente e Pedras negras hai un punto quente. Non porque haxa chapapote, senón porque está preparado un fogón de campañan para quentar leite con cacao. Os voluntarios, os membros do Exército, vanse achegando, recuperando a identidade mentre retiran as capuchas e as mascarillas. Prender o pitillo e asomar os labios a quentura do leite tinxido dun escuro que, cando menos, é inocuo e doce. A Cruz Vermella cura na Lanzada, extende a pomada da atención e reparte os coidados con toda a prestancia que merecen os voluntarios. Para non se manchar na retirada das gafas ou das máscaras, os voluntarios deixan que os sanitarios fagan todo ese traballo, e hai algo maternal na composición, nesas liñas invisibles que unen a uns e a outros. Nos respiros, miran todos ó mar, contra o oeste, sabendo que nalgunha parte hai unha ameaza negra dunha ferida inmensa que non deixa de sangrar.