Os alumnos do colexio cambadés recolleron máis de mil imaxes familiares para editar un libro que recupera o patrimonio gráfico da parroquia
12 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Cambados tamén ten un patrimonio fotográfico. Esa a conclusión á que se chega mirando o libro das fotografías antigas de Castrelo, editado polo colexio público desa parroquia cambadesa e que recolle fotos familiares que abranguen case oitenta anos de historia cotián dos veciños. O libro rescata para o futuro unha memoria doméstica, íntima en moitos casos, pero tamén o retrato dunha época que semella moi diferente da actual. Organizado por argumentos, Vellas fotos da parroquia de Castrelo é como un album de fotos colectivo, cos seus personaxes, os grupos, as fotos da mili e os oficios que foron deixando pegada no lugar. Para xuntar as 250 fotografías incluídas no volume, os alumnos, profesores e algún que outro voluntario, xuntaron máis de mil estampas, rescatándoas dos baúles, dos faiados e das caixas e, en moitos casos, do esquecemento. Con esa inxente cantidade de imaxes, o colexio fixo unha selección das que se conservaban en mellor estado. Logo, organizouse este arquivo sentimental por argumentos, colocando os oficios cos oficios, e os músicos cos músicos. Deste xeito, o libro ofrece desde retratos familiares, ata competicións deportivas. Recolle tamén festas e tradicións locais que xa se foron perdendo nos últimos anos.