O Grove celebrou onte a procesión marítima coa que tódolos anos se honra á Virxe do Carme A tarde comezou onte no Grove con xente agazapada nas sombras e con música de novo flamenco. Era o Día do Carme, e toda a vila estaba á espera de que a patrona dos mariñeiros saíse da capela de San Roque. Cando deron as seis, comezou o desfile relixioso. Entón a praza situada diante do Concello encheuse de xente disposta a aguantar ó sol. Logo chegou a hora de que a «Estrela dos Mares» se reencontrase co océano. E foi entón cando os barcos, engalanados con bandeiras e flores, comezaron a súa particular ofrenda á Virxe.
16 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.«O Carme non é relixión, e outra cousa diferente», din nos pobos da ribeira. E a palabra tórnase certa diante de celebracións como a vivida onte no Grove, cando nin o sol nin a tentación da praia afastaron ós veciños da vila da patrona dos mariñeiros. A procesión do Carme comezou con son de gaitas, continuou cun paso doble e seguíu durante toda a tarde co himno do Antigo Reino de Galicia, tocado ata a extenuación pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. No medio de todos eses sons emerxeu, pasadas as seis da tarde, a Virxe Mariñeira. Bogando sobre os hombreiros de homes e mulleres, a «Estrela dos Mares» chegou ata a Praza do Corgo, onde a esperaba a alfombra floral realizada, na súa honra, pola ANPA do Colexio Valle-Inclán. Alí celebrouse a Palabra. O alcalde aguantou baixo o sol, e canda él o Patrón Maior, autoridades da Policía Local e da Guardia Civil, e numerosos concelleiros do goberno, do PSOE e de Independentes do Grove. O acto relixioso celebrouse no medio dun respectuoso silencio, roto de cando en vez por voces que sonaban con acentos extraños. Os turistas centroeuropeos asistían sorprendidos a este evento relixioso, tiraban fotos e grababan en video toda a cerimonia. E se sorprendidos quedaron coa multitudinaria cerimonia diante do Concello, máis abraiados quedaron coa procesión marítima. A «Estrela dos Mares» embarcou nunha mexilloeira e, acompañada por unha enorme corte de barcos, saíu a reencontrarse co océano no que vela, durante todo o ano, pola seguridade dos mariñeiros. Daquela xa cambiara a música de fondo. Nos altofalantes colocados na praza do Corgo e no peirao do Grove sonaban cancións adicadas á Virxe. Os que quedaron en terra, mirando partir os barcos, puideron esperar a volta da imaxe presenciando os bailes do grupo Cantodorxo. E despois dunha tarde axitada, a noite seguía prometendo festa.